Opinión

Bo 2010

Que se pode agardar dun ano no que non levantaremos cabeza? Pouco. E malo. No mellor dos casos 2009 será un ano monstruoso. Ninguén ten interese, de feito, tanto en saber que sucederá de bo como en albiscar que outros males nos zarandearán. Meses antes de chegar a 2009 repetiamos que sería un ano de malas datos, malas noticias, paro, recesión, deflación, quebras, estafas, eleccións a Estrasburgo. Outra vez Eurovisión. Loxicamente, o cántaro rachou. Natural. Apenas estreado xaneiro, advertimos que o novo ano presenta sinais de podremia. Fede. Está en mal estado. Xa é un ano finito. Non ten constantes vitais.


Matamos a esperanza no 2009 con moita antelación. En realidade, creamos unha linguaxe para referirnos ao novo ano na que deixamos fóra a posibilidade da ilusión. Desterramos o optimismo suxerindo a peor das posibilidades. É dicir, despois da recesión, a depresión. Pánico. Hecatombe Caída. Psicose. Catástrofe. Toxicidade. Incerteza. Neboeiras. Estafa piramidal. Poscapitalismo. Esta á a linguaxe coa que nos dotamos nestes tempos. Que cabe, pois, agardar? Paúl Krugman acabou co único alento que quedaba, ao suxerir que a veces o que parece unha luz ao final do túnel é simplemente un tren de mercancías que se achega a toda velocidade.


Posto que a linguaxe nos impide nomear un mundo mellor, ninguén -para non facer o parvo- quixo agardar nada próspero de 2009. Todos escoitamos dende hai tempo que non ía traer nada bo. Jules Renard conta nos seus diarios o episodio daquel home que se dispuña a dicir ‘veño de parte do Señor Fulano’, pero advertiu unha expresión tan hostil que antes de acomodarse no asento, incorporouse e dixo: ‘marcho de parte do Señor Fulano’.


Algo semellante experimentamos fronte a 2009. Moito antes de aclimatarnos ás súas condicións xa estamos pensando en como afastarnos para evitar o contaxio. Ano novo, vida nova? Pff. Esta vez non. 2009 é un ano morto. Vén do pasado. É un estertor de 2008. Desenganémonos. Non hai solución. Precisaríamos unha milagre. Quizais simplemente sexa suficiente recortar o ano en corenta semanas, e chegar axiña a 2010.



Te puede interesar