Opinión

A caída

Non sabemos canto tempo tardaremos en enterrar aos partidos políticos, pero en todo caso sabemos que están mortos. Os seus compoñentes actúan coa a elasticidade que só posúen os acróbatas os días de circo. Lexislan, declaran, mandan, executan, propoñen, berran, pactan, ingresan en prisión. Niso consiste en ocasións a condición de cadáver, en semellar unha peza única e brillante dentro dun complexo aparello que transforma a realidade coa potencia e perfección dun motor Lamborghini. Os mortos, pois, actúan coas botas postas. As manobras coas que executan as acrobacias reflicten tanto realismo que pese a estar acabados aínda controlan o botín. Non falo de cartos. O botín é iso poderosísimo que permanece oculto dentro do cofre, é o misterio, o inexplicable, o escuro, é aquilo do que ignoramos a súa dimensión verdadeira, pero que nos converte en reféns, marionetas.


Namentres todo reluce, todo podrece. A alfombra gaña volume baixo os zapatos. Fede, pero o perfume proxéctase con grandes mangueiras para agochar as sinais dos cadáveres. Cando rebentará todo? Talvez non exista nunca unha explosión expresa, rotunda, senón unha modificación livián, imperceptible, como a que experimenta no reloxo a agulla dos minutos. Quen sabe da súa vida? Ninguén será testemuña dese intre eterno no que todo se modifique, pero todos estaremos presentes na hora que a vella maquinaria fique enterrada pola explosión do novo paradigma. Pero quizais nada de isto ocorra porque todos estamos mortos. Precisamente para que os partidos políticos sexan cadáveres, antes tivemos os cidadáns que sucumbir ás ondas da corrupción. Esta sempre se despraza de abaixo a arriba. A corrupción só entende de ascensos. Todos os seus movementos resultan tan vaporosos, máxicos, que non ten sentido a súa existencia senón é partindo do underground para escalar finalmente ao cumio da pirámide social. Probablemente, logo, somos nós os defuntos, eu, vostede, ela. Mais agora é a quenda deles. Chegou o momento. Comezan a caer.


Te puede interesar