Opinión

Cansazo

A memorización era o pasado. A obediencia morrera. Os apuntes convertéranse nunha peza de museo. O profesor era unha marioneta. Por fin a educación se parecía máis a un xogo electrónico que a un conxunto plúmbeo de coñecementos que se copiaban nun caderno. Pero, pero, pero. Pero o fracaso escolar seguiu crecendo. Incluso cando estudar era unha festa. Fracasar comezou a ser un éxito, e agora un de cada tres os alumnos abandona os estudios despois da ESO. Talvez alguén pense que non é para lanzar foguetes. Non opino diferente. De feito, opino como César Aira, para quen a partir dos seis anos comeza o declive do xénero humano.


O esforzo volveuse unha actitude insoportable. Todo cansa. Traballar, estudar, descansar. Esa percepción experiméntase a unha idade máis curta cada día. Con certo retraso, penetrou nas mentes a mensaxe que lanzou Guy Debond nos sesenta: ‘Nunca traballes’. Nin sequera cando es novo. Menos, cando es novo. Hannah Arendt explicouno noutros termos: ‘O capitalismo xera bens superfluos e o primeiro que se pode considerar superfluo somos nós mesmos’. Parece clara a invitación a cuestionar o noso papel na realidade. Ignoro se Cesare Pavese se expresou algunha vez en termos semellantes, pero de entrada titulou o seu primeiro libro de poemas Laborare Stanca. Por algo sería.


A escola forma parte da engrenaxe que nos moldea como forza de traballo futura. Os alumnos non o perciben conscientemente, pero presenten as orellas do lobo. E na medida que queren e poden, escapan dun mecanismo que, antes ou despois, fará deles unha parte máis do mostro. No horizonte do mundo moderno, escribiu Lefebvre, elévase o sol negro do tedio.


No fondo é un problema de horario. Esa rutina. Madrugar. Estar sentado. Xeografía. Lingua. Matemáticas. Literatura. Ahhgg. Nunha famosa entrevista en The Paris Review, Faulkner sostiña que una das cousas máis tristes que suceden é que o único que un home pode facer durante oito horas ao día, un día tras outro, é traballar. Non podes comer oito horas ao día. Nin beber. Nin facer o amor. E traballar cansa.



Te puede interesar