Opinión

Causa-efecto

Ningún problema atopa xa solución no razoamento. O proceso de analizar, diagnosticar e restablecer, pasou á historia. Afogou. De socato, a intelixencia aplicada, os estudos rigorosos, as avaliacións científicas, non serven de nada. No pasado, cando a racionalidade constituía un valor e non un cadáver, resultaban funcionais. Pero as cousas deixaron de ocorrer por unha razón. Se había algo que se chamaba cadea de antecedentes, xa non se chama. O modelo causa-efecto morreu. É un dicir, porque se cadra ocórreme como a Italo Svevo, que se consideraba un bo observador, pero algo cego.


Pídolle que pense na crise, e advirta como o comportamento das mercados segue unha pauta, diante de todo, emocional. As bolsas mundiais non caen, ou ascenden, seguindo as leis da Economía. A explicación da súa conduta non está máis nos libros ca no seu estado de ánimo. Porque o diñeiro tamén posúe sentimentos. Detéctase un compoñente de personificación na economía, susceptible de estar deprimida, eufórica, aburrida, radiante, taciturna, sobria, arrefriada. Bastou anunciar que había un plan de rescate, para que as Bolsas subiran. Non se aplicou a medida, non se mobilizou un peso, pero o estado anímico da economía virou a optimista, e iso disparou a cotización.


Para que ocorra algo, non ten previamente que suceder outra cousa que o explique. Iso, como dixen, era antes. Agora, cando pasa algo, é porque probablemente non existía ningunha posibilidade de que acontecera. Deixe de pensar na crise, se pode. Acábase de celebrar en Barcelona un congreso sobre Literatura Emerxente. Unha nova xeración de escritores debateu sobre as súas influencias literarias, que, como pode prever, non teñen nada que ver coas súas lecturas, como sería o razoable. Repito que xa as cousas non pasan porque hai unha razón, senón porque falta. A cadea da literatura, na que uns escritores influían sobre os posteriores, rachou. Os antecedentes non contan, de modo que as influencias destes escritores veñen de CSI Las Vegas, Ikea, o posporno, os Simpson, U2, Second Life, ou o menú Big Mac. Desvirtuada a causa como explicación dos efectos, agora si que son inescrutables os camiños. Bárbaro.



Te puede interesar