Opinión

Claramente

A propensión a dicir eu non dixen iso, xusto despois de dicilo e causar polémica, é prehistórica. Eu, de feito, xa lla coñecía a Fraga Iribarne. Se andamos máis no tempo, e andamos, e andamos, e chegamos a estas semanas, atopamos que hai un florecemento desa actitude. Aí están os casos de Clemente, Bardem ou Rajoy. Falaron, e cando a barbaridade corría polos medios, de socato ningún dixo o que dixo. Moi común. Algúns cremos que había no ambiente unha clara tendencia a non facerse cargo dos erros. Pero estabamos equivocados. Claramente. Iso si, eu tiven que acudir á Bienal de Arquitectura de Venecia para advertilo.


Na edición deste ano promóvese unha arquitectura sen edificios, e a filosofía da convocatoria resumiríase nas ideas do comisario do certame, Aaron Betsky, que pensa que as casas son a tumba da arquitectura. É un camiño novo. O responsable da Bienal admite que os edificios son a pegada máis importante dun arquitecto, pero é realmente difícil encontrar arquitectura neles porque seica un olla cara ao edificio pero non ve a arquitectura. Por iso este señor relativiza a importancia da construción. Nesta disciplina tamén contan os elementos invisibles. Refírese á luz, ao espazo, á temperatura, á orde das cousas, á paz do que chega a casa e busca as zapatillas.


¡Hostia! Nese intre entendino todo. Comprendín a Rajoy, a Clemente. Incluso podería comprender a Queipo de Llano, a Belén Esteban, a Hegel. Se na arquitectura os edificios tendían á intranscendencia, por que ía posuír valor, á hora de comunicar, o significado das palabras. Tal vez as palabras foran a tumba da linguaxe. Rajoy falou claro, dixo que mentres había 180.000 estranxeiros cobrando o seguro de desemprego en España, había 20.000 andaluces camiño da vendima francesa. Moi claro. Pero dende Gerry Winogrand sabemos que nada hai máis misterioso que un feito claramente descrito. Fronte aos que pensan que Rajoy deixou caer que aquí sobran estranxeiros, algúns, grazas a pasar por Venecia, cremos que Rajoy non dixo nada grave nin xenófobo porque a linguaxe está superada como ferramenta para comunicar.



Te puede interesar