Opinión

O coche

George Perec cría que existen motivos para pensar que os feitos e os obxectos relevantes non son necesariamente aqueles que se amosan en aparencia asombrosos, impoñentes. Cousas importantes poden ficar expresadas a través do infraordinario. É posible falar do mundo, e esclarecer algúns misterios, mentres se esgotan as posibilidades de describir os seus pequenos obxectos. Isto é o que suxire Perec. Nas cousas, nas cousas banais, nas cousas que non significan nada nun contexto amplo, agocharíase tamén o transcendental.


Vostede qué cre que pode significar un coche, ou unha cadeira, ou un despacho, no medio dos grandes proxectos que precisamos para progresar nesta realidade complexa? Nada? Algo? Todo? Tres cuartos? Non é fácil calibrar, pero en calquera caso, as cousas pequenas, estupideces, se me permite chamalas así, como un coche, unha cadeira, ou a decoración dunha habitación, suplantaron durante semanas termos menos diminutos como igualdade, benestar, felicidade, xustiza.


O mundo volveuse cara o pequeno levado polo soño de que o pequeno, mirado con lupa, é algo ben grande. Afogado pola vertixe da globalización, a omnipresencia dos xigantes millonarios, decepcionado polo fracaso na conquista das grandes utopías, a morte dos soños, o mundo comezou a ollar para o infraordinario.


O coche, a cadeira, o iate. A medida do noso nariz semellounos nalgún momento unha distancia ideal, tranquila, ampla. Non precisamos ver máis aló. O nariz é un extenso horizonte. Para que queremos máis? Esa inclinación a mirar preto, a non tender a intelixencia máis aló dos mocos, é tamén unha inclinación a non pensar.


Probablemente vostede coñeza a historia de Irineo Funes, un personaxe de Borges capaz de lembralo todo, as formas das nubes austrais do amencer do trinta de abril de mil oitocentos oitenta e dous e comparalas, as liñas da espuma que un remo levantou un día calquera no Río Negro. A súa memoria era prodixiosa. No seu mundo interior non había senón detalles. O malo é que non era capaz de pensar, porque pensar é esquecer diferenzas, é xeneralizar, abstraer. Non outro é o noso problema: deixamos de pensar, e ficamos unicamente no detalle. No coche.



Te puede interesar