Opinión

O cubil

Necesitamos novas farsas. É urxente. O mundo precisa grandes e novos embusteiros que, coas súas falsidades de estrea, quentes, estrañas, nos arranquen deste vertedoiro e, se é preciso, nos trasladen a outro vertedoiro. Non podemos seguir vivindo aquí, e así. Hai que inventar algo. Mais non calquera cousa. Algo... eu que sei. Algunha cousa haberá por aí, pendente de inventar, que veña ao rescate. Todo o existente, o que tiñamos, podreceu, incluído o que se foi improvisando. O que podrece, supoño, ben podrecido está. A desolación é infinita.


Ese proceso de demolición no que, segundo Scott Fitzgerald, consistía a vida, está rematado. En termos xerais, quero dicir, pois sempre restarán detalles, pequenos detalles. Pero qué son os detalles, a merda dos detalles, cando a desolación é infinita. Non si? Nada quedou en pé porque nada nos importou un carallo. A realidade é só un conxunto de cascotes, desperdicios, e entre eles, fantasmas persuadidos de que a ‘fiestuqui’ continúa, de que isto non acabou. Pero acabou. Cando un olla o escenario, cando un advirte que todo arredor fica destruído, descubre que se lle fixo noite en metade da tarde. Esmoreceu a Historia antes de tempo. Alguén dirá que grazas talvez aos detalles, esa ínfima parte da realidade que escapou á desolación, é o que nos salva. A min que me importa o que digan. A realidade xa só é un cubil. Esa corte infecta na que, mentres non inventemos algo, ou destruamos tamén os detalles que fican intactos, estamos condenados a vivir, mentres simulamos que nada cambiou. Pero agora todo é noxento. Nauseabundo. Criminal. Presumo que sabe de que falo, porque só o feito de ter que aclarar que falo de política, provócame preguiza.


Para ir rematando: estou como Estanislao Figueras. Este home foi presidente catalán da I República, e un día, nun Consello de Ministros, dixo: ‘Señores, estou ata os collóns de todos nosoutros’. Josep Pla, nunha crónica posterior, escribiu que Figueras, ao empregar aquel ‘nosoutros’ demostrara a súa boa educación. Estou, pois, como Estanislao Figueras. E vostede tamén.

Te puede interesar