Opinión

Deputados

Estaba tomando tranquilamente unha cervexa con sete amigos e achegouse unha muller á nosa mesa. Non a coñecía de nada e, impasible, preguntoume cando ía deixar de escribir mamarrachadas no xornal. Hostia, dixen para min, e fiquei en branco. Verídico. Era a sexta cervexa e pensei que, se cadra, entendera mal. Non se podía ser tan franco. Ou si se podía. Aquilo nin sequera era unha pregunta. Fora unha indirecta. A terraza estaba chea e a xente observaba a escena intrigada. Non sei que esperaban, pero en vista de que a muller non marchaba, nin se desdicía, reaccionei con gran submisión e prometín que, na próxima columna, actuaría menos como un mamarracho e máis como un tipo algo de criterio. A muller inclinou a cabeza, como dicindo que caro me ía custar, e marchou.


A próxima columna é esta, e temo que, escriba o que escriba, será unha mamarrachada. Para animarme, lembro esa recomendación teatral que pide que, ante todo, sexas ti mesmo. Inmediatamente me vén á cabeza esoutra que xusto aconsella que nunca sexas ti mesmo, por se acaso. Nese intre calculo que é unha boa idea falar de política. O día anterior sucedéranme dúas cousas curiosas de modo consecutivo. Non tiñan nada que ver entre si pero estaban moi relacionadas. Un caso típico de si pero non. Quizais tamén un caso de mamarrachada. Primeiro lin no xornal algo relacionado co adianto electoral. Cocíase. Reparei inmediatamente nos deputados. Se o Parlamento se disolvía, algúns ían quedar sen traballo antes de tempo. Deume moita pena. Pobres. Sentín a curiosidade de repasar o listado de 75. Cando acabei, escapóuseme un buah, en referencia ao nivel científico dalgúns dos escanos.


Pola tarde, lendo unha novela italiana, atopeime con Incitatus, o cabalo que Calígula elevou a senador de Roma. Fora unha medida ben polémica, e non faltaron os ofendidos polo que a decisión tiña de ataque á dignidade do Senado. Non sei por qué, despois de cruzarme con Incitatus reflexionei de novo sobre algúns deputados galegos. Pero axiña dixen, quieto, Tallón, non vaias dicir outra mamarrachada, e alguén che meta unha querela.



Te puede interesar