Opinión

Desaparecer

Estamos rodeados. Todo é baleiro. A comunicación afogounos. Talvez a incomunicación, esa dificultade para conectar uns individuos con outros, non fora un cousa nociva. Nalgún momento, os discursos volvéronse desertos de tedio e as súas palabras perdéronse como lágrimas na choiva, baixo a metáfora de ‘Blade Runner’. A partir do intre en que un nome acada determinado grao de celebridade, dicía Julien Gracq, e a voz pública empeza a meternos polo oído con determinada frecuencia ese nome, as cousas empezan a estar menos claras. En efecto. A cotío, xente que non ten nada interesante que manifestar, maniféstase continuamente. Digamos que así nace o discurso baleiro: cando certos individuos non teñen nada que dicir, e non paran de dicilo.


Unha vez, en Boston, mostráronlle a Charles Dickens un estraño aparato chamado teléfono, e que non era senón unha caixa grande e negra que tiña un cable groso, un funil e unha chaveta de metal. Aseguráronlle que era un invento marabilloso, que o futuro acababa de chegar, e que se podía falar con alguén que estaba en Nova York. Dickens estudou taciturno o aparato, e preguntou: ‘Falar de que’? Hoxe, que idiota fai un pregunta así? Resulta imposible imaxinar, por non dicir difícil, a alguén que se negue a pronunciarse en termos categóricos e absolutamente baleiros na medida que teña ocasión. Categóricos, baleiros? E logo. A quen lle importa o sentido. Digamos que xa o sentido das cousas é o de non posuír sentido concreto. Iso ensancha o campo. Non estamos diante dunha cuestión de contido, senón de presenza, de ocupar o espazo.


O importante é dicir algo, calquera cousa e, posteriormente, insistir, non ficar en silencio, como se o silencio equivalera a certa vacuidade. Aféctanos a todos. Non quixera incorrer no mal gusto de non falar de min, en quen tamén observo certo baleirado paulatino. Lembro cando Groucho lle dicía a Chico: Veña, máis rápido. Suponse que ían en coche. E Chico respondeu: E para que tanta présa, xefe? Non imos a ningures. E Groucho replicou: Pois corramos e acabemos dunha vez con isto. Talvez haxa que tender ao esvaecemento, a calar, empezando por un.



Te puede interesar