Opinión

Dobres

Chegou a casa nerviosa, coa presión do traballo e a carraxe do atasco no que quedou atrapada obstruíndo a arteria carótide externa, así que cando descubriu a aquel home sentado no seu sofá coas pernas cruzadas, e que se parecía ao seu marido pero que ao mesmo tempo diverxía netamente, preguntou cun ton ameazante, e coas faccións desencaixadas, quen era e que facía na súa casa. Amor, que che ocorre, respondeu o home descruzando as pernas, erguéndose do sofá e achegándose a ela incrédulo e desbaratado. Aquela familiaridade desconcertou a Deborah. Amor? De que amor lle estaba falando? A escena pareceulle falsa, trucada. Un espellismo. Non lembraba que o seu marido fora así, co cabelo escuro, daquela altura, cariñoso, coas mans longas e delgadas. Abrazada a el sentiuse atracada. Apartouse e deu un paso atrás. Non debía, reflexionou, confiar en alguén con aquel perfil subrepticio e insólito.


Ola mamá, saudou a súa filla, que entrou no salón dende a súa habitación cun libro de poesía, no que tiña fundido un dedo para non perder a páxina. Deborah experimentou cara aquela moza a mesma sensación que fronte ao home. Non era exactamente a mesma filla á que esta mañá, cando marchou traballar, deixou almorzando en casa. Dúas sensacións tan similares non podían ser casualidade. Algo ocorría, e o que ocorría, pensou a muller, era que aqueles individuos, no papel de familia, suplantaban aos orixinais con algún misterioso propósito. Misterioso e malévolo. A sospeita de que estaba rodeada por dobres consolidouse cando Bobi, o cocker spaniel inglés que convivía na unidade familiar, lle botou as pernas enriba e advertiu que o tacto e o alento daquel animal resultábanlle alleos. Non aguantou máis e berrou: fóra todos da miña casa!! Logo todo ocorreu moi rápido. A chamada telefónica ao 112, o ingreso de Deborah na unidade de psiquiatría e o diagnóstico dunha psicose crónica con temática paranoide, fantástica e delirio de dobres, coñecida como síndrome de Capgras. Mentres, os suplentes do marido, a filla e Bobi puñan en venda as propiedades. Tiñan plans.


Te puede interesar