Opinión

A domicilio

Non necesitamos máis reflexións sobre o mercado, a familia, o estado, Deus, a corrupción. Máis ben comezan a urxir teorías sobre o Facebook, a depilación láser, a cámara no teléfono móbil, a masaxe watsu, a xordeira do ipod. Hai outra reflexión non menos inaprazable: as visitas a domicilio.


Volven. Onde están os sociólogos, os filósofos, os comentaristas da Noria? Por que non abren estes debates? Parecía unha práctica desterrada, como o canibalismo ou beber da billa, pero aquí temos de novos aos visitadores.


Falareille dun caso que coñezo relativamente ben: o meu. Esta semana chamaron tres vezes á porta. A anterior petaron dúas veces. O relevante deixou de ser quen chama en cada intre. Nin sequera importa que queren. A cuestión relevante é que están visitando a un continuamente, amargándolle a existencia. Por que? A que vén esta involución? Non quedaramos en que hai que deixar á xente vivir tranquila na súa casa? Regresa a venda a domicilio, como paroxismo da venda on line, ou telefónica, ou en tenda. As novas campañas comerciais, polo que se vai vendo, non son efectivas se non son agresivas, e non resultan agresivas se non sorprenden a un na cama, ou fritindo patacas, ou duchándose, ou vendo ‘Intereconomía’. Xa non falo do coito. Se non se produce unha perturbación do hábito parecera que a campaña estivese abocada ao fracaso. E que ten de malo o fracaso, pregunto eu.


Cando parecía que o contacto humano camiñaba cara a non comparecencia dos interlocutores, dada a irrupción do e-mail, o Messenger, o Facebook, o SMS, rexurde a chamada na porta. Eu non abro, pero sempre haberá xente que interrompa a sesta, que levante do sofá, que deixe de facer o que fai, e abra a porta. Cada un é libre de facer o que queira. Pero que saiba que probablemente son da compañía telefónica ou testemuñas de Xehová.


Eu propoño rescatar a filosofía de Librado Arreola, un dos mellores amigos de Juan Rulfo. Librado, cando estaba en casa e chamaban moitas veces, asomaba á fiestra e dicía: ‘Que, non ven que está fechada? Iso quere dicir que eu non estou, e como non estou, é inútil que chamen á porta’. E metíase para dentro.

Te puede interesar