Opinión

A empresa

A xente rouba. É unha realidade. Hai algo nas cousas alleas que irradia unha atracción especial. Algunhas veces tan irresistible, hipnótica, que aparece alguén disposto a quedar, a toda costa, co que non é seu. Sempre se roubou. Hoxe, porén, o fenómeno adquiriu unha dimensión inédita. Hai neste delito un aire novo, un fondo orixinal, outro formato. E non pouco popular. A idea de roubar adquiriu unha predicación tal que permitiu evolucionar dos ladróns e os golpes, aos corruptos e as tramas. A escala, o tamaño, importan. Non só a xente rouba, senón que ademais maquina entre si para roubar máis e mellor onde menos alarmas e vixilancia existe, pero onde máis información corre: nos despachos dos cargos públicos.


A corrupción é unha empresa. A corrupción, de feito, é un sector, unha área específica deste capitalismo evolucionado. Estepona é o último exemplo, por agora. Ninguén suficientemente cualificado quixo quedar fóra do reparto: alcalde, concelleiros, persoal funcionario, arquitectos, enxeñeiros, avogados, promotores, construtores, publicistas, outros empresarios. Vintecatro fulanos. Un abano amplo, heteroxéneo, poliédrico. Están todos salvo os afeccionados, os chambóns, porque a nova corrupción esixe formación, influencias. Hai que valer moito.


O individuo busca a perfección en todos os campos. Por suposto, tamén no roubo. No roubo máis que en ningún outro por razóns de rendibilidade e de código penal. Xa non basta con meter a man e subtraer. Lembre vostede a relevancia da escala. O roubo moderno implica unha cadea de comandos que inclúe tráfico de influencias, suborno, uso de información privilexiada, branqueo de capitais, malversación, asesoramento prohibido, nomeamentos ilegais, revelación de segredos, negociacións fraudulentas, delitos contra a ordenación do territorio, alteración de prezos en concursos, falsidade documental. Palabras maiores. Desgraciadamente, as cortiñas de fume son outra empresa, e esta tarde hai fútbol. O natural é que toque tristeza, así que comprendemos que diante dunha derrota tráxica, fronte a calquera outra cousa, incluído o roubo, digamos booh.



Te puede interesar