Opinión

Espazo-tempo

Cada mañá,  cando o  home se detén  fronte ao semáforo, a muller descoñecida atravesa o paso de peóns  e, á altura do vehículo, mira cara  o interior con ollos abrigados,  como cando se mira cara un escaparate só para ver a propia figura  reflectida. O home non advertiu  que de luns a venres se repetía  a mesma escena ata que se cumpriron varios meses de rutina. A  partir dese intre a curiosidade  comezou a consumilo internamente. Os primeiros días, despois de  detectar a pauta, sorprendíase.  Pronto a sorpresa deu lugar ao desconcerto. Moita causalidade de  deus, pensaba. E aí quedaba todo.  Porén, cando transcorreron varias  semanas, e tamén a familia e os  amigos quedaban estupefactos  fronte ao relato que o home facía  daquel encontro continuado,  comezou a obsesionarse. Non  podía ser simple casualidade a  coincidencia sistemática no tempo  e no espazo de dúas persoas que  non se coñecían de nada. A súa  imaxinación disparouse, e a medida que el se detiña un día e outro  salvo sábados e domingos fronte  ao semáforo e ela transitaba polo  paso de peóns, foi ideando a biografía da muller.  Primeiro converteuna en directora dunha axencia de publicidade.  Aqueles ollos que penetraban no  habitáculo do automóbil deixaban  na mirada as pegadas dunha persoa creativa, inqueda. Gustáballe  viaxar. Dúas veces ao ano perdíase  nun país recóndito, sola, cunha  mochila ás costas. Escribía poesía.  Practicaba pilates e natación. Odiaba cociñar. Facía catro anos que  non saía en serio con ninguén.  Daquela, saíu dunha relación tormentosa e prometeuse ser feliz  lonxe da tiranía da parella estable.  Practica o sexo sen compromiso.  Ademais é unha muller desinhibida. O home imaxinou que vivía  nun piso de teitos altos, no que  as paredes estaban cubertas de  libros, películas e discos. Os dez  segundos que a muller empregaba  en cruzar a avenida excitaban a  mente do home, que era no intre  no que ela atravesaba o paso de  peóns cando con máis contidos  enchía a vida da descoñecida.  Unha mañá quebrouse de socato  a rutina, e cando o home detivo  o coche a muller non estaba fronte  a el, senón á súa dereita, agonizando baixo as rodas doutro vehículo. 

  

Te puede interesar