Opinión

Estafa

Quen pode estar satisfeito coa compañía telefónica? Ninguén. Ou case ninguén. Algúns. Tal vez uns poucos. Hai xente moi rara. Eu, non. Eu boto escuma pola boca. Non é difícil de entender se valoramos que as manobras de estafa son continuas, de luns a domingo. É dicir, representan o noso pan de cada día. Algúns días, de feito, comemos pan duro, pero a estafa sempre é fresca, recente. Certo que, en pequenas doses, non parece un roubo. Non digo que non. A detracción, ademais, non é física, por iso pasa relativamente inadvertida. O roubo do que eu falo é un atraco conceptual, abstracto, ao tempo que sutil e elegante. Nada de armas, nada de intimidacións, nada de espectáculos. Trátase de cobrar, baixo un grande sorriso, por servizos que non se prestan, ou cuxa prestación, á par que cara, é lamentable, degradante. Un insulto, un aldraxe. Gústame esaxerar.


Infelizmente, o peor non é a estafa. Nin sequera a estafa é unha cousa mala. Todos estafamos nalgún momento á nosa empresa. Ou case todos. Ou algúns. Tal vez uns poucos. Eu, si. Oxalá a nosa compañía telefónica só nos estafara. Xa estamos afeitos. Non sei se dicilo, pero creo que é natural e necesario certo grao de fraude nas nosas relacións contractuais. Máis grave é que, despois do roubo, teña lugar a burla, fenómeno consistente en que vostede marca un número de teléfono e espera o que faga falta ata que por fin, a voz dunha operadora mecánica vaino levando de departamento en departamento: Recursos Humanos, Marketing, Provedores, Informática, Relacións Exteriores, Auditoría Interna, Reputación, Marca.


Pero acábaseme de ocorrer que tampouco iso é malo. A realidade é vertixinosa, e a dialéctica compañía-usuario tamén. Hai que aguantar. O peor, o que nos degrada, o que nos resta lexitimidade como vítimas dun atraco perfecto, é que despois de todo isto, despois do atraco, despois do bambeo entre departamentos, resignámonos. No meu caso é entendible. Acabo de deixar de beber. Non de todo. Deixei de beber naquelas cantidades. E como resultado desa rebaixa, ando aparvado. Pero, e vostede? Proteste, demande, delinca!!

Te puede interesar