Opinión

Estrambótico

Coñecido é que nunha ocasión John Lennon ouriñou dende un balcón de Hamburgo sobre unha fila de monxas que pasaban pola rúa, ao berro de ‘ímolas bautizar’. Aquel episodio deu moito que falar entón, así que agora ficaremos calados. Basta lembralo. Noutra ocasión, algúns surrealistas situaron o berce do movemento o día que o conde de Lautreamont compuxo unha das súas metáforas desconcertantes. En concreto aquela que pregoaba: ‘Belo como o encontro fortuíto entre un paraugas e unha máquina de coser sobre unha mesa de disección’. Esta construción literaria tamén encheu moitas páxinas, así que seguiremos en silencio. Basta citala para ter presente, cando chegue o momento, o que latexa no seu interior.


Brian Clough foi adestrador do Nottingham e do Derby Country entre los años 70 e 80. Posteriormente tamén se fixo cargo do Forest, ao que converteu nada máis e nada menos que en campión de Europa en 1979 e 1980. Equipo que tocaba, equipo que xogaba con primor ao fútbol. Adquiriu fama da crack. El mesmo cría que era un crack, e entón un día dixo: ‘Xa sei que Roma non se construíu nun día, pero é que eu non me encarguei dese traballo’. Talvez esta é unha historia menos coñecida que as anteriores, pero igualmente, chegados a este punto, calaremos.


Nicanor Parra, nos anos 70, quixo iniciar unha novísima etapa da antipoesía en forma de breves acometidas verbais, concisas pero lapidarias, espidas e eléctricas, escritas á maneira do slogan publicitario, a inscrición mural, o aviso luminoso, o que sexa. Artefactos. Chamoulle artefactos a eses cachos poéticos, resumidos e cargados ao máximo, que nunha época de présas querían provocar, cunha ou dúas frases, a conmoción sintética de libros enteiros. A min gústame este: ‘Muxir unha vaca e tirarlle o leite pola cabeza’.


En todos estes episodios, desordenados, hai en común certo aire estrambótico, inverosímil, ridículo, antirrealista, profundamente provocador, que eu había tempo que non vía ata que apareceu Dolores de Cospedal nun ‘chiringuito’ de Marbella e, ao estilo John Lennon, bautizou España como un estado policial. Marabilloso.



Te puede interesar