Opinión

Fartos

Poñamos que vostede e eu, e tres individuos máis, para non sentirnos solos, somos desa ralea de persoas que non aguantamos nin o frío nin a calor. Nin o goberno, nin a oposición, nin o Opus, nin disimular que bebemos. Tampouco aguantamos as cidades grandes, por abafantes, nin os lugares pequenos, polas razóns contrarias.


Non somos, tampouco, nin de fútbol, nin do cristianismo, nin de dicir moito a verdade. Non aturamos tanta publicidade, nin a vida en parella, nin o que representa o Real Madrid, nin os gatos. Non lemos, porque nos producen embolia cuádrupla, os xornais deportivos, e apenas os xornais de información xeral precisamente porque aí escribe xente indesexable coma min e coma outros. Porque neste campo, gustaríame que se teña en conta, tampouco estou só.


Poñamos que non aguantamos aos compañeiros de traballo, nin a algúns amigos dos nosos amigos nin, ás veces, aos nosos amigos. E que dicir dos veciños? A estas alturas podemos dicir a verdade en alto: dannos verdadeiro asco. Non uns máis ca outros. Por razóns obvias, se cadra, o presidente da comunidade un chisco máis, en efecto.


Poñamos que vostede, eu e os tres suxeitos elixidos para facernos compañía, non gustamos das colas que hai que facer para entrar aos sitios, ou para mercar unha entrada, ou simplemente uboprofeno. Non nos gusta conducir, nin andar en bicicleta, nin Telefónica, nin El Corte Inglés. Nin Trillo, nin Sebastián. Non aguantamos os refráns, nin os botóns grandes. Non podemos soportar un minuto máis os atascos, nin a certos empresarios, nin as aduanas, nin á Garda Civil, nin a declaración do IVE.


Non esquezamos que non aturamos as coles de Bruxelas, nin o fenómeno dos faladoiros, nin a Almodóvar, nin a ese, nin a aquel, xa me entende. Claramente tamén estamos en contra das peaxes, do idiota que hai en toda oficina, de Laporta, de Juan Manuel de Prada, de Deus, de Intereconomía.


Dito isto, que? Nada. Dito isto, en realidade, estamos condenados a ficar aquí, fodidos, e actuar como se pensaramos o contrario, ou como se non pensaramos. Porque, a onde podería ir nestes tempos xente como vostede e coma min?

Te puede interesar