Opinión

Fusión

Cando escoitei que Iberia e British Airways se fusionaban, pensei: e que? Aquilo, calculei, apenas significaba unha manobra para combater o estreitamento das marxes empresariais. Pero si significaba máis. Gústanme as abstraccións, e detrás desa fusión concreta, vin a fusión xeral baixo a que vivimos dende hai anos. Pénseo. Todo tende, na medida que pode, a abrigarse debaixo dun chamizo máis seguro, firme, amplo. Porque quere ou porque o empuxan. Hai unha tendencia imparable, en todos os campos, á concentración, á alianza, á unicidade. Á fusión e ao monopolio. A mensaxe de que xuntos, podemos, derivou nunha lectura usureira, de tal forma que aquel vello compañeirismo do xuntos, podemos, converteuse nun xuntos, reduciremos a marxe de gastos e seremos máis competitivos.


Todos sabemos, máis ou menos, que Time Warner se fusionou con América OnLine. Vodafone con Mannesman. Que Gas Natural entra en Fenosa. Que Microsoft quere adquirir Yahoo, ou que a peseta, o franco ou a lira sumíronse no euro. Pero as concentracións empresariais representan só o merengue da torta. Se miramos debaixo da nata distinguiremos outras formas de fusión. Non é esta democracia liberal na que andamos, por exemplo, un caso de fusión? Mortas as ideoloxías marxistas, todo buscou concentrarse no centro, un amplo corredor polo que se move a socialdemocracia pero ao mesmo tempo o liberalismo, no que trata de confundirse, para sobrevivir, todo o que vai do centro á estrema dereita. Fixo fortuna aquel célebre There is no alternative expresado por Margaret Thatcher.


Baixo este modelo, consolidouse a idea de que o mercado é o único. Non cabe mellor ilustración para o concepto de fusión. Foi cuestión de tempo que a forza das nacións-estado minguara baixo os novos órganos supranacionais. Inventamos o xigantismo. Na tendencia á fusión a Cultura absorbeu ás culturas, venceu o pensamento único, naceu o voto útil, triunfou Bisbal, emerxeu o Chelsea, a literatura confundiuse co bestseller, Vila-Matas unificou a novela e o ensaio con harmonía, Aznar estirouse ata centro, o sector inmobiliario fundiu a economía, internet entrou polo teléfono, Adriá reduciu o xantar a unha espuma, Falete fusionou flamenco e comida...


Te puede interesar