Opinión

HAI QUE DESAPARECER

Cando se fala de Robert Walser é habitual comezar polo final, o 25 de decembro de 1956, no momento que cae morto na neve como un obxecto que se desprende dun peto, mentres pasea polos exteriores do manicomio de Herisau (Suíza), onde pasou os vinte últimos anos da súa vida. Non había, seguramente, mellor destino para o fundador da estética da desaparición, unha corrente clave na literatura do século XX, polo influíntes que chegarían a ser precisamente aqueles escritores que, nun movemento buscado, se desvaneceron como personaxes públicos. Detrás do misterio que levantaron as súas disipacións, quedaron solas as súas obras.


Foi un esforzo a contracorrente, porque no marco dese século xurdiu un fenómeno moito máis determinante e globalizador: o star system. Acaso existe hoxe soño máis perseguido que o éxito, a celebridade total? Aquí o proceso é outro, e a falta de obras que fagan de intérpretes da vida dos seus autores, xusto son os personaxes os que fican, solitarios e baleiros, no escenario. O imporante é non caer desa plataforma. Nunca antes o mundo buscou con tanto afán o trunfo sobre ese aburrimento que parece provocar a idea de ser coma os demais.


É curioso. Porque as persoas que deciden desaparecer son ás veces as máis buscadas. Walser, de feito, fixo unha advertencia neste senso, cando anotou que o escritor que ten máis posibilidades de colectar éxito é aquel que se empequenece ao máximo, tanto diante dos contemporáneos como fronte á posteridade. Hai dous días, esta teoría verificouse a través de Grigori Perelman. O matemático ruso vive nun pequeno apartamento ás aforas de San Petersburgo, coa súa nai, que cobra a pensión mínima, e gusta de estar desaparecido. Baixo este principio, comunicoulle ao Instituto Clay a súa negativa a recibir o Premio do Milenio, dotado cun millón de dólares, por resolver a conxectura de Poincaré, un dos sete maiores enigmas matemáticos da modernidade. Na súa liña de non aparecer en público, tampouco acudiu en 2006 a recibir a medalla Fields, a distinción máis prestixiosa das matemáticas. Consecuentemente, o mundo suspira por el. Non é plausible que este modo de entender a vida reduza nalgún momento o imperio da fama, pero a esperanza dos cambios, sequera das pequenas e insignificantes variacións, pasa por una estratexia de boicots e emboscadas diarias.

Te puede interesar