Opinión

Hipérbole

Non se venden coches. Non se venden motos. Non se vende roupa. Non se venden destinos turísticos. Non se venden pisos. Non se venden escobas. Non se venden teléfonos. Non se venden plans de pensións. Ui, ui. Afundímonos. Acabouse. Non estabamos acostumados a isto. Mercar formaba parte do cerebro, como a serotonina, a noradrenalina ou a estupidez. De socato, sen probas, simulacros, decrecemos, estoupamos, desaparecemos. Adeus. Hai etimoloxías que non describen suficientemente a situación. Non basta dicir crise e crer que falamos con propiedade. Houbo unha morte de modelo. Unha crise sería unha milagre. Oxalá. Isto é outra cousa. Modifícase a relación do suxeito co presente.


O crecemento ía ser infinito, e de súpeto, o infinito acabouse. Aquela voracidade, aquela hedonización accesible a todas as capas, faleceu. Pum. No fondo, falece a era do ‘híper’, dito nos termos de Lipovetsky. Hipercapitalismo, hiperclase, hiperpotencia, hipermercado, hiperindividualismo. Haberá algo que non sexa híper? Cando estabamos hipertrofiados, afeitos á esfera do hiperconsumismo, na que se consumía máis pola satisfacción que produce que pola posición que permitía ostentar, ocorre isto. Zas. O optimismo da compra, a vertixe das tendas, a indiferenza de abonar todo a prazos, van ser substituídos pola tristeza do aforro. Nos tempos que corren a austeridade resulta máis criminal que a guerra mesma. As bombas como moito poden acabar coas persoas. Se morre o consumo, cambalea o sistema, e o sistema son seis mil millóns de individuos máis a sofisticación capitalista que os enlaza.


O consumo producía unha dixestión emocional que non proporcionará o aforro. Tal vez consumiamos sen criterio pero, e que? Lembremos a Dadá, cando defendía que ‘o inútil constitúe o máis imprescindible’. Normal que esteamos desolados. Antes viviamos endebedados, uns altamente, outros por completo, pero consumiamos. Era como existir á marxe da realidade, pero todos felices. Cal era o problema de vivir por riba das nosas posibilidades? Morrer nalgún momento por riba das nosas posibilidades? Vaia cousa.



Te puede interesar