Opinión

Ideas

Non está escrito en ningunha parte, e se o está é como se non o estivera, que as campañas electorais teñan que xirar arredor das ideas. Como se as ideas, e o feito mesmo de pensar, foran a panacea. Cando se trata de utilizar o razoamento non hai choios, está demostrado. Nun escenario no que se aproximan unhas eleccións, o lóxico é que as ideas non comparezan en persoa, e que o substituto se manexe con gran destreza non tanto na dialéctica da intelixencia como no barro. Moverse con axilidade no escombro é vital. Chégase máis lonxe. Porque, se somos minimamente prácticos, coincidiremos en que se podemos arranxar as diferenzas a hostias non merece a pena perder o tempo en debates. É unha máxima histórica que funciona especialmente ben nos bares, un espazo educativo, dito de paso, no que tamén se cultivan as elites políticas, non só algúns xornalistas. Non me entenda mal: eu son un louco dos bares, de todos. Cantos máis bares menos tempo para calcular estupideces. Nunca me poño a escribir esta columna, de feito, sen acadar un mínimo de irresponsabilidade que só me proporciona o alcol. Primeiro baleirar a botella, logo a alma. Hai que desconfiar da xente que non proba de vez en cando catro gintonics diarios.


Pero estabamos falando das ideas. Talvez vostede é dos que cren que escasean. Escasean, certo, pero onde está o problema? Non o vexo. Que ten de malo un cerebro baleiro? Fale. Persoalmente, cando cumprín dezaseis anos, tiven unha idea propia, e horas despois acabei expulsado dúas semanas do instituto. Esa é a ganancia das ideas. Non se trata dunha cuestión persoal, dunha mala experiencia, no momento de pensar, que só me afecta a mín. Oxalá. Para non perder o tempo lembrareille, moi rapidamente, que a última vez que Rajoy utilizou unha idea propiamente dita, mastigada, sopesada, falou dunha nena pequeniña con familia, vivenda e uns pais con traballo. E xa todos sabemos que ocorreu despois. Zapatero, algo máis previsor, tivo dende o principio a idea de non ter ideas. E agora goberna. Este é o panorama. Con ideas, mal, sen ideas, peor. O panorama é a Gran Pallasada. Pero creo que estabamos falando de beber algo.


Te puede interesar