Opinión

Inexplicable

Todo ía ben e de socato foi mal. Fatal. Non houbo unha transición na que o clima de optimismo comezara a ser matizado antes de virar cara o pesimismo. O cambio foi brusco. Zaaass!! Que ocorreu? Esa é unha pregunta imposible de responder con certeza. Moitas son as versións, de modo que saber cal é a correcta resulta imposible. O único certo, incuestionable, verdadeiro, obxectivo, é que todo ía ben e de socato foi mal. Fatal. Nese extremo non caben dúbidas. Ben e axiña mal. A partir de aí, mil hipóteses.


Ninguén o esperaba. Normal porque era de todo inesperable un cambio súbito. Cómo se podía agardar algo así? Non se podía, simplemente. A posterior conmoción resulta fácil de imaxinar. Caras largas. Xestos contrariados. Posturas de desconcerto. Ombros encollidos. Miradas baleiradas, como as dun manequín. Mans guarecidas nos petos, como as dun pobre. Tremores nos casos máis elocuentes. Como nun enfermo. Bágoas, por suposto. Loxicamente, cando de súpeto, sen estar preparado, ou alerta, se pasa de ben a mal, fatal, a tristura é un sentimento natural.


Parece incrible. Co ben que ía todo. Foi nun instante que non colle nun segundo. No tempo que se mete e se saca aire dos pulmóns. No intervalo no que se pestanexa. No instante que se traga saliva. Xusto no que tardan en ocorrer estas cousas, todo pasou de ir ben a ir mal. Fatal. Non hai que buscar explicacións. Pódense buscar, claro, só faltaría. Pero buscar en balde. Non se atopará nunca unha explicación satisfactoria. Hipóteses, si. As que se queiran. Ou máis. Pero ningunha consistente, capaz de superar o misterio que rodea todo o acontecido. Non hai antecedentes documentados. Iso agrava o estado lamentable no que se sumiu todo. Un precedente resulta útil, pois dalgún xeito orienta. Mais ninguén coñece un caso semellante. Si, existen casos nos que todo ía ben e, nun momento dado, comezouse a torcer. Esa é a diferenza. Houbo un momento dado, e unha fase de torcedura. Aquí nin houbo momentos nin se comezou a torcer nada. Todo ía ben e de socato todo foi mal. Fatal. E agora ninguén ten a menor idea de como reconducir a situación. De que estamos a falar? Uff. Iso é o de menos.



Te puede interesar