Opinión

Inocente

Cando volveu en si, estaba detido. Era o principal sospeitoso do asasinato dun rapaz de nove anos, en cuxo corpo se contabilizaron corenta e nove coiteladas. Eu, preguntou o home encollendo os ombros e dirixindo as mans ao peito. O policía que lle comunicou os cargos baixo os que se atopaba nos calabozos, asentiu lacónico coa cabeza, como dicindo si, ti. O home non lembraba nada. Era incapaz de reconstruír as vintecatro horas anteriores á súa presenza nos xulgados. Non daba crédito á súa situación, pero cando advertiu que a súa camisa estaba tinxida de sangue, comezou a valorar a posibilidade de que cometera realmente un asasino.


Posto que non recordaba, non conseguiu xustificar de maneira convincente a súa presenza no lugar do crime. En todo momento mantivo que era inocente, pero pola única razón que non lembraba ser culpable. Os indicios, porén, estaban todos na súa contra. Ademais do sangue na roupa, as súas pegadas dactilares estaban no mango do coitelo co que a criatura fora asasinada. A súa mente era unha poula abandonada, un terreo no deserto, o caixón baleiro da mesiña de noite dun motel. Alguén roubara na súa memoria no intre que perdeu a consciencia. Non tiña ningún argumento co que defenderse dos indicios. Unha persoa non era nada sen imaxes, recordos, sons, ideas. Tal vez fora culpable. Se cadra era de verdade un asasino. As probas apuntaban cara el como cando se dirixe cara alguén o dedo índice. Se era inocente, se existía unha posibilidade de sustentar que non tiña nada que ver coa acusación que se lle imputaba, carecía de coartadas, probas e testemuñas ao seu favor.


Compareceu ante o xuíz. Testemuñou sen fe no que dicía, estendendo dubidas, desmemoria, incerteza. Ingresou preventivamente en prisión. Á espera de xuízo pasaron dezasete meses. Pouco a pouco acostumouse a aquela vida convicta. Chegou o xuízo. Foi condenado a vinte e un anos. Cumpriu quince. Cando saíu atopou traballo noutra cidade. Casou. Tivo un fillo. Unha noite espertou desasosegado, co recordo daquel día de facía vinte anos reconstruído. Podía ver a cara do verdadeiro asasino. Lembrar o seu nome. Probar a súa inocencia.



Te puede interesar