Opinión

Lixo

Non insistimos o suficiente, pero estamos rodeados de lixo, moreas de lixo, por todos os lados se estende o lixo, lixo, máis lixo. Que marabilla. Vivimos nun vertedoiro permanente. Independentemente de a onde nos dirixamos, a cloaca forma parte da paisaxe, está aí. Si, todo é bazofia, pura bazofia, bazofia da boa. Pero, e que? Estamos perfectamente acoplados coa merda. Afixémonos. Cada vez pasa máis desapercibida, incluso resulta menos molesta, grazas a que xa non coñecemos outro escenario que non sexa o do lixo e nós, todo no mesmo paquete. Lixo por aquí, lixo por aló, lixo polo ar, lixo en cada recuncho da nosa vida. Non advertiu, o mércores, como Berlusconi se fundía nunha aperta con Josep Guardiola, no palco de autoridades do Coliseo Romano? No marco dunha final da Champions League, esa foi a imaxe perfecta, a demostración do teorema: o nauseabundo, a materia pútrida, fusionándose nun instante veloz e natural co bo gusto e a intelixencia. Falo de Berlusconi, pero podería falar dos meus artigos que, pese a resultar especialmente noxentos, non só non alteran a tranquilidade do xornal, senón que harmonizan á perfección coas brillantes columnas veciñas. Loxicamente prefiro falar de Berlusconi, porque no momento que un mesmo recoñece que escribe bazofia está abrindo a porta para que todo o mundo coincida. Incluído o editor.


Esta apracible vida na fetidez non é nova, pero cada día é máis intensa, irrevogable, e necesaria. Non quero nin pensar que ocorrería se, de socato, desaparecera toda esta merda que nos envolve, que temos metida nos pulmóns, nos petos, no cerebro. Pero pensemos que mañá, luns, ás once e sete minutos da mañá, implosiona o lixo e esvaécese sen deixar pistas do novo paradoiro. Pregunto eu: poderiamos sobrevivir á pulcritude que se derivaría desa desaparición? Calculo que non. O cheiro sería insoportable, e tamén a luz, as cores, a tranquilidade, a paz mundial, a intelixencia. Alguén imaxina acender o televisor e non atopar sinal ningunha de putrefacción, nin de Luar, ou Jorge Javier Vázquez, ou o caso Gürtel, nada, todo limpo, creativo, enxeñoso, legal? Non, non, non, por favor, sería intolerable. Lixo, precisamos lixo, máis lixo.



Te puede interesar