Opinión

O mal

O mal. Que tema, verdade? Apaixonante. Talvez a palabra non sexa apaixonante, pero agora xa está dita. O mal. Oh, o mal. Se un quere, nunca falta un pretexto para recalar neste termo máis ou menos abstracto que dá pé, como cando ouvimos nun enterro que non somos ninguén, a largar unha estupidez, ou varias estupideces consecutivas, de aparencia filosófica. O pretexto non ten por que estar nun feito horripilante, sanguinario, como un asasinato, aínda que tampouco sería tan estraño que o tema xurdise xustamente con esa agarradoira. Cuestións con peor calzador saíron a debate e deron moito máis de si do que se puidera presumir. O pretexto pode ser unha entrada a destempo con resultado de cartón vermello, unha mentira, unha difamación, un insulto explícito. Desto, precisamente, estamos oíndo moito ultimamente. Aquí quería chegar eu.


Non me gusta estar moi de acordo coas cousas que escribo, por razóns de coherencia, así que voulle pedir que me permita romper unha lanza a favor de determinadas manifestacións malignas. Robert Walser sostiña que as malas costumes desempeñan un gran papel na existencia. Un papel primordial e, case diría, necesario. Se non houbera defectos e malas costumes ao mundo faltaríalle encanto, calor e riqueza. Pero eu quero ir máis aló, para o que me van permitir, aproveitando as investigacións da miña tese doutoral, falarlles de César Aira. Para este escritor arxentino, o malo é mais fecundo que o bo porque o bo acostuma a producir unha satisfacción que inmobiliza. Pénseo un intre. Se cadra é verdade: o mal xera unha inquietude coa que se renova a acción. A acción leva a novos erros, e a espiral dispárase ao infinitivo.


Todos aspiramos a ser bos, pero os bos tenden a ser todos iguais, e unha esaxeración neste senso levaría á humanidade a ser unha masa indiferente e inerme. Para escapar, pois, á posibilidade do aburrimento, de cando en vez hai que caer no mal. Que lle parece? Como lle quedou o corpo? Descansado, estremecido, indiferente? Dá igual. O importante é pasar o domingo. Eu, como lle dixen, non gusto de estar de acordo coas cousas que penso. Escraviza. Por certo, votou? A que espera?

Te puede interesar