Opinión

Marchar

Hai dúas semanas marchei de España. Non tiña nada interesante que facer por aquí e pensei que, para facer iso, podía facelo perfectamente no estranxeiro, lonxe, por aló. Na hora de cargar a maleta escoitei unha declaración de Núñez Feijoo na que ofrecía diálogo á oposición para comezar ben a lexislatura. Nada que non fora abandonar o país me interesaba demasiado, pero non deixei de advertir que aquela frase tan vulgar e aludida incorporaba en cambio unha énfase, unha transcendencia, que só parece atoparse en sentencias de Abraham Lincoln, Churchill ou Oscar Wilde. Invariablemente, cando un acada un gran éxito sente a necesidade de falar para a Historia. Xa advertiu Borges, en cambio, que ‘non bastan os momentos máis dramáticos para ser Shakespeare e dar con frases memorables’.


Cando regresei de facer o que tiña que facer no estranxeiro, advertín que Patxi López, no Parlamento vasco, ofrecía o mesmo prato de comer ás forzas da oposición en Euskadi: diálogo, man tendida, bla bla bla. Foi como se non marchara de España nos días que estiven ausente do país. Samuel Beckett expresouno dun modo máis efectivo, máis valente, máis claro: ‘Toda a vida as mesmas sandeces’.


Nalgún sentido, non importa o tempo que un estea ausente, os días, as semanas, os anos que un perda polo medio, porque sempre ocorre o mesmo. Nada novo. Non se trata de López, nin de Núñez, nin sequera de Lincoln. Trátase da realidade en si, da repetición, e por suposto do baleiro que se agocha detrás de todo discurso de poder. Mil homes poderosos antes que estes presidentes autonómicos, moitos mortos, algúns vivos, outros incluso activos, apelaron na hora da investidura ás mesmas palabras: diálogo, pacto, acordo. É como se no instante da súa coroación fora inevitable interpretar o papel dun rei magnánimo. Pouco tempo despois (días, horas) rectifican. A tempo talvez de non caer na mesma equivocación que Julio Ramón Rybeiro, que nos seus diarios admitiu que o erro que sempre cometía nas discusións era deixar falar aos opoñentes.



Te puede interesar