Opinión

Moi grave

Cando meteu a man no peto da chaqueta, para sacar a carteira, descubriu que dentro tamén había un papel dobrado. Sacouno con curiosidade, pero calculando que se trataría da factura esquecida dalgún restaurante. Que outra cousa podía ser? Pero non. Aquilo era a folla arrancada dun caderno cuadriculado, na que había algo escrito a man, cun bolígrafo de cor vermella. A curiosidade deu paso ao desconcerto. Non entendía como fora aquela folla dar ao interior da súa chaqueta. El, dende logo, non a introducira. Lembraríao. Alguén o fixo ou mentres el non estaba diante, ou durante algún intre no que se despistou. Cando acabou de ler o papel tremíanlle as pernas, suaba pola fronte e mordía o beizo inferior, sinal de que algo non ía ben. Estaba branco, pálido. Conmocionado. Ninguén podía prever algo así. Había, porén, que reaccionar. Inmediatamente, tomou unha decisión. Falar coa súa muller. Aquilo tiña que sabelo. Resultaba o suficientemente grave. Grave era pouca palabra, pero agora non dispoña de tempo para elixir unha máis acorde.


Que tes, preguntou a muller cando o viu aparecer. Estás esbrancuxado. Estaba. O home tendeulle a folla, sen máis comentario que o brazo estendido cara ela, e ao final da extremidade, o papel fatídico. Que é isto? Finalmente tomouno, pero sen retirar a vista do home. Aquela cor non era común. Pero que é o que ocorre? Ti le. E entón leu. Non podía ser. Non, non, por deus, non. Cando rematou a lectura, a folla desprendeuse das súas mans como se caera dunha árbore, ao chegar o outono. Aquilo era moi forte. Moi, moi forte. Moito. Forte era pouca palabra, pero o ataque de ansiedade no que entrou impediulle buscar unha máis definitiva. Chama ao meu pai, acadou a dicir. O home chamouno, e cando o sogro tivo o papel manuscrito na man, foi resoprando, resoprando, uf, uf, ata que, ao chegar ao final, mantivo un silencio prolongado, e despois ditaminou: temos un problema caralludo. E caralludo tampouco era a palabra, pero agora mantiña a mente ocupada buscando un avogado disposto a xestionar aquela situación perigosa e letal, e se cadra, estas si eran as palabras idóneas.



Te puede interesar