Opinión

A morte

Hai palabras cuxa simple pronunciación fan cambalear os nervios. Predispoñen. Arrepían. Son funestas, sospeitosas. Que palabras? Agora mesmo estou pensando en termos como suicidio, heroína, cancro, Illas Caimán, matrimonio, ou Garzón. Hai máis. De feito, a miña preferida é morte. Tremenda palabra. Demoledora. Tamén me produce especial vertixe Vatinaco. Horripila, non si? A combinación de Vaticano e morte, nunha mesma oración, xa é a bomba. O máximo. Nos últimos días, con motivo da agonía de Eluana Englaro, tivemos ocasión precisamente de escoitar aos representantes do Vaticano empregar substantivos como morte e homicidio. Demoledor, demoledor. Machadazo.


Lembrarei o que xa sabemos: Berlusconi e o Vaticano, ambos empresarios, manobraron para promulgar unha lei á medida de Eluana para evitar a súa morte. Cada cidadán, viñan a dicir, unha lei. Trátase, calculo, dun slogan para unha nova democracia. A Democracia Derruída. Amaban, estimaban, coñecían Berlusconi e o Vaticano a Eluana Englaro? Loxicamente, non. Nin falta que lles facía. Por que, pois, ese empeño por prolongar a súa vexetación? Digamos que non tanto polo valor que a vida tiña para Eluana, como o valor que ten para eles evitar que a xente pense que somos cada un de nós e non deus quen dispón do noso destino. Lembro que un día despois da morte de André Gide, o seu amigo François Mauriac, profundamente católico, recibiu o seguinte telegrama: ‘O inferno non existe. Solta o pelo. Stop. Gide’.


Esta obsesión con manterse con vida a toda costa, resúltame allea. Baixo determinadas condicións a vida deixa de ser un suceso marabilloso, máis ou menos curto, para derivar nun suplicio, máis ou menos eterno. Para o Vaticano e Belusconi a vida é o negocio, e por riba do negocio non hai nada. A liberdade? Na idea do Vaticano, e do seu accionista no Goberno italiano, a liberdade viría a ser a capacidade para elixir a opción que se queira, sempre que a opción coincida coa que marca o empresariado romano. O método é relativamente antigo, e funciona. Henry Ford fartouse de vender coches ofrecéndolles aos clientes a posibilidade de elixir vehículo na cor que desexaran, sempre que fora a negra. Viva aquilo!!

Te puede interesar