Opinión

Si ou non

Ten que dicir si. Non parece tan difícil. Si. Trátase dunha resposta breve, concisa, rápida, fácil de memorizar. Malamente se entendería que se equivocara e contestara outra cousa. Non é o mesmo que cando lle preguntan a un polo ano en que tivo lugar un fito histórico. Pódese responder un ano ou outro. Incluso un século ou outro. Pero cando a un lle preguntan si ou non as posibilidades de equivocarse estréitanse. No seu caso, cando o presidente do Parlamento se dirixa a el e lle pregunte se promete cumprir as funcións inherentes ao seu cargo, e gardar e facer gardar a Constitución e o Estatuto el só ten que dicir si. Si. Fácil. Fácil de entrada. É un home a veces obsesivo, a veces atónito, a veces obcecado. Case sempre inseguro. De feito, nos últimos días imaxinou que, no momento que se erguía para acatar o seu cargo, contestaba non. Posteriormente rectificaba e dicía si, pero o ridículo estaba feito. O posibilidade de equivocarse e dicir non ofúscao.


Ensaia ducias de veces diante dun espello. Cando o cristal lle parece pouco realista, ensaia coa súa muller, logo coas súas fillas, e a medida que se achega a data crucial, coa muller e coas fillas. A véspera de prometer o cargo amplía o auditorio. Acoden os pais, os irmáns, catro sobriños, dezanove amigos, os veciños do 3-A, o 2-B, e 4-C, a panadeira, unha ex parella, e os camareiros dos bares que máis frecuenta. Precisamente Alberte, o camareiro que lle serve, venres e sábados, os mellores gintonics curtos de xenebra, é o encargado de preguntar. Promete gardar e facer gardar a Constitución e o Estatuto e cumprir etcétera? Si. Responde con voz segura, firme, clara. O ensaio é un éxito. Hai grandes aplausos, e despois dos aplausos, un pequeno cóctel. Ninguén di nada pero todos se preguntan onde pode estar a dificultade. Nin que dicir si fora tan difícil.


Ao día seguinte viste o mellor traxe, os mellores zapatos e a mellor camisa. Acude en taxi ao Parlamento. Está tranquilo grazas a que inxeriu tres benzodiazepinas. Entón chega o seu momento. Xura ou promete gardar e facer gardar a Constitución e o Estatuto e cumprir coas obrigas do seu cargo? Non.

Te puede interesar