Opinión

A e non A

Nalgún momento do bacharelato ensínannos que, segundo a lóxica aristotélica, non é posible A e non A. Iso significa que unha proposición non pode ser verdadeira e ao mesmo tempo falsa. Chámase principio de non contradición. Tamén se chama momento no que se fode todo porque comezamos a estar preparados para desconfiar dos contrasentidos. Non se ve, pero introducíndonos ese axioma acaban de moldear o noso cerebro para que no depósito non caiba nada que se opoña ao discurso racional. Penso que a racionalidade está sobrevalorada, polo que, se un ten ocasión, debe manexar outros discursos.


Lichtenberg advertiu un día que, de un tempo a esa parte, notaba claramente que tiña unha opinión tombado e outra de pé. Esa é a filosofía. Hai que prescindir dos moldes. Falo en serio. Hai que admitir a posibilidade de calquera cousa e restar alcance á coherencia. Foi Novalis quen dixo que á humanidade tócalle desempeñar un papel humorístico, e Miguel Torga quen recomendou ser serios, pero non tomarse en serio.


A min tampouco me gusta meterme en política, pero hoxe paréceme inevitable. Trátase dun espazo no que os actores asumen a cotío primeiro unha postura e logo a contraria. Gústame. Nalgúns cidadáns, afeitos ao molde aristotélico, iso provoca escepticismo. Mal. Eu simplemente penso que antes era antes, cando se dicía unha cousa, e agora, cando se di a outra, é agora. Hai un caso recente e ilustrativo. Este verán alguén sinalou que Touriño recibiu dous informes. Nun xustificábase por que había que adiantar as eleccións, e noutro por que non había que adiantar nada. A isto é ao que me refiro. Hai que estar aberto a soster A e á vez non A. Porque non pasa nada.


Mire a Núñez Feijoo. Natural dos Peares, e por iso coñecedor do que é estar á vez en tres concellos, sabe tamén do que falo. Primeiro acusou a Touriño de axeonllarse ante Madrid, de onde segundo el lle impuñan o adianto. Agora ben, como Touriño non modificou o calendario, Feijoo presumiu de que o Presidente seguira os seus consellos. Xenial. Neste novo molde é no que eu teño fe. Hai potencial.



Te puede interesar