Opinión

Normalidade

Non lembro en que momento declaramos, nun pacto tácito, omiso con nós mesmos, que os grandes crimes pasaban de considerarse unha aberración a volverse pouca cousa, morralla, nin fu nin fa, aserrín aserrán. Puido talvez ser algún día dos anos noventa, en pleno agosto, ás nove e media da noite. Non estou moi seguro. Quizais ese momento caeu nos oitenta, e non foi pola noite, senón á hora do almorzo. E estabamos en xaneiro. Tampouco importa moito. Foi, e xa está. A barbarie transformouse nunha trapallada incapaz de perturbarnos. Terceiro mundo, fame, sida, desigualdades, asasinatos, secuestros, violacións...? Puaf. Para que pensar nisto, e caer na angustia, conmovernos, e ter a tentación de tomar medidas, se podiamos vivir ao noso aire, coas mans nos petos, sen pensar? Bastante tiñamos, daquela, con tratar de ser felices, contraer vicios atroces, ver televisión. Ser superficiais.


Eliminada a visibilidade e o impacto na nosa conciencia dos crimes de primeira categoría, tivemos entón que facer fronte á categoría seguinte. Cando tiñamos superado o fastío de cruzarnos coas grandes miserias a diario, de socato descubrimos que detrás destas había miserias de tamaño medio, en realidade tan ou máis aborrecidas, que golpeaban tamén todos os días. Estamos máis ou menos nos tempos presentes. A prevaricación, o suborno, a apropiación indebida, a malversación, en definitiva, iso que denominamos corrupción, ameazaba con escandalizarnos. Se non faciamos algo, é dicir se non articulábamos un método para non facer nada e que esa putrefacción política nos pasara desapercibida, corriamos outra vez a tentación de revelarnos e poñer o grito no ceo. Ou incluso máis arriba. E fixémolo, conseguimos evitar que a corrupción deviñera nunha anomalía democrática transformándoa nun elemento consoante coa paisaxe.


Presidentes, alcaldes, senadores corruptos? Si, por suposto, hainos. Normalidade absoluta. Tamén hai xente que non vai a igrexa, ou que non pon a man na boca cando bocexa. Quen sabe se non precisamos máis xente así, é dicir, corrupta, moi corrupta, corrupta ata as cellas, corrupta como vostede e coma min, que ficamos cegos diante de toda esta merda nacional.


Te puede interesar