Opinión

A nosa corrupción

Non quero parecer ocorrente, pero convén quitar ferro á corrupción. En toda acción corrupta hai algo natural e inevitable. Importa pouco que esteamos rodeados. Calquera manobra noxenta pasa, no fondo, porque ten que suceder. Existe podremia baixo a mesma lóxica que existe mariña mercante, funcionariado, sanidade universal ou novelas históricas. En segundo qué campos non hai accidentes nin casualidades. Este é un deles. Falamos de circunstancias inelutables. Hai portas que carecen de ferraduras. De feito, hai portas que só posúen marcos, o que aboca a cruzalas sen decatarse.

No intre de atravesar a fronteira da corrupción imos relativamente cegos, e cando superamos a liña vermella, ese salto pasa sen pena nin gloria. Xusto no instante posterior advertimos que non era para tanto. A degradación é un achado exclusivamente humano. Xa ten séculos. Cantos? Eu que sei, calcule vostede. A Historia só contribuíu a perfeccionar a descomposición, e o individuo corrupto, hoxe, é dunha inmundicia impecable e refinada.

Alguén, pois, absolutamente respectable. Non di moito dos tempos no que vive. É dicir, un individuo corrompido, ou un conxunto corrupto, non alcanza para falar, tras aplicar unha inferencia dedutiva, dunha sociedade degradada. Esta sempre estivo degradada. Simplemente, en cada época, a degradación revestiuse dunha capa máis avanzada.

En base a isto, eu atreveríame a dicir que aos cidadáns, en xeral, a corrupción resúltalles un asunto menor. Ráscalla, en fin. A pequena escala, a corrupción está metida en todas as casas, agochada en todas as habitacións, familiarizada con todos os inquilinos.

Cal é o problema? Cando a podremia supera a tolerancia media, asumible por calquera cidadán, o problema sigue sen ser a corrupción mesma. Xa dixen que é un asunto especialmente noso. Vostede, eu, ela, todos. O verdadeiro problema, a degradación total, alcanzámola cando despois da corrupción vén a impunidade. Iso é o insoportable. Os casos non pasan desapercibidos. Todos o vemos. Cando non ocorre nada, todo se afunde.

Te puede interesar