Opinión

Ofensas

Non lle gusta chegar aos sitios puntual, e moito menos chegar tarde. Considérao unha ofensa cara quen está agardando por un. Tal vez semelle un tipo obsesivo, paranoico, pero intenta estar no lugar indicado con certa antelación. Dependendo do tipo de cita, da clase de persoa ou grupo co que se vai entrevistar, ou simplemente beber unha ducia de cervexas, a antelación pode ser de cinco, dez ou quince minutos. Incluso unha hora. Se intenta chegar puntual angústiase durante o camiño, porque, e se ocorre algo imprevisto, un accidente? Algo, calquera cousa. Ninguén está libre de sufrir unha calamidade. Se un é pesimista, como resulta o seu caso, peor aínda. Sempre pensa que, no intre que se confíe, padecerá un revés.


Bo é partir cunha marxe de tempo que permita afrontar imprevistos. Non soporta agardar pola xente. Odia que os demais cheguen tarde. Por esa razón non lle entra na cabeza que non estea no sitio acordado a poder ser antes de tempo. Hoxe quedou ás cinco e media da tarde na planta 52 do edificio Circular, e saíu de casa ás catro. Non hai máis que media hora en coche entre a súa vivenda e o edificio, pero decide que se chega antes da hora terá tempo para tomar un café, ir ao baño, mexar, botar un Chesterfild e dirixirse, cando se achegue o momento, tranquilamente á planta 52.


Non hai imprevistos e entra na cidade co seu Fiat Punto 1.9 á hora prevista. Comeza a buscar aparcamento. Non está fácil. En parte porque non é doado, saíu coa antelación suficiente como para dar voltas ata encontrar aparcamento gratuíto. Só cando se aburre de dar voltas é cando se dirixe ao parking. No primeiro que atopa, porén, non hai prazas libres. Pasa o mesmo co seguinte: completo. É estraño, pero acode a outros tres parking e advirte a mesma mensaxe nos letreiros: cheo. Bótaselle o tempo enriba. Uff. Xa se está angustiando. Por iso lle gusta andar co tempo sobro. Porque se se angustia, bloquéase. Son as 17.25 horas. Non pensa chegar tarde. Diríxese ao edificio Circular. Aparca na entrada. Descende. Abandona o auto en liña amarela. Entra no edificio. O coche, señor, advírtelle o garda de seguridade. O coche? O coche bahh.



Te puede interesar