Opinión

Orange

Ela durmía a sesta cando chamaron os de Orange. Como dispuña Orange do seu teléfono? Pasáronllo os de Telefónica, nun caso típico de tráfico de número. A axente fíxolle unha oferta: prometeulle o infinito. A ela non lle pareceu moito, pero a panacea bastáballe. Non dixo que si nin que non, pero facilitou un DNI e un número de conta. A axente asegurou que lle enviaría o contrato para que decidira despois de ler a letra pequena. Non mencionou a invisible. Tres días despois Telefónica cortoulle a liña de adsl. Chamou e protestou, pero o certo é que Orange acababa de cursar a baixa da miña amiga en Telefónica sen a súa autorización. Mentres se subía polas paredes, chamou a Orange. Si, en efecto, cursaron a baixa en Telefónica e a alta en Orange.


Non, desgraciadamente, nunca enviaban contratos por escrito aos clientes. Entre cabaleiros, bastaba falalo por teléfono. Miña amiga ameazou cunha querela, advertiu que non quería saber nada de Orange, insultou ao interlocutor, colgou e marcou o número de Telefónica. Cando a atenderon, pediu que a deran de alta outra vez. Prefería pagar máis a vivir con Orange. Iso está feito. Mañá chamaríana para atar cabos. Non chamaron, así que chamou ela: aseguráronlle que ao longo do día estaría dispoñible o adsl. Pasou o día e a romaría, e nada. Marcou o 1004. Alí enviárona ao 902357022. Aquí dixéronlle que para particulares chamara ao 1004, e neste número que por favor, para cuestións de adsl marcara o 902357000, un lugar inhóspito dende o que a dirixiron ao 1004. Pasou á ofensiva: dixo que se ía suicidar se a seguían zarandeando. Foi efectivo, e púxose unha comercial: non tería adsl en dez días. Mentres isto ocorría chegaba unha carta de benvida a Orange anunciando o envío do router. Á desesperada contactou con Orange: xa lles dixera que non quería nada con eles. Nada, cero, merda. Imposible, aseguraron. Nese caso, quería a baixa. Si pero non, é dicir, para darse de baixa debía facelo por escrito. Neste momento a miña amiga está no hospital despois de inxerir un tubo de antitrombóticos. Xa me poño eu coa carta.


Te puede interesar