Opinión

Palabras

Hai palabras que teñen soto, e nese cuarto escuro, húmido, subterráneo, agochan cadáveres. Palabras, soto, cadáveres. Provoca arrefrío. Eses significados soterrados, ao fuxir da luz dos enunciados, raramente deixan rastro, consecuencia da súa perfección. Non son verbas comúns. Pero ás veces hai tanto pasado disimulado, tanto peso oculto nalgunhas palabras, que de canto en vez os seus cadáveres fican descubertos, como se foran corpos, consecuencia de que a perfección non existe. É estrañísimo e, porén, sucede. Sucede coa palabra éxito. Aí a temos: éxito. Éxito, éxito. Ninguén pensaría nunca que, baixo a súa brevidade e fraqueza, hai sitio para agochar un soto. E haino. Poucas verbas, de feito, acumulan máis mortos no seu interior. As dimensións, en ocasións, enganan, e en certos casos as palabras non resultan senón icebergs terribles.


Cando penso no éxito penso, loxicamente, de oídas. Nunca experimentei as sensacións rotundas do dominio, o trunfo, a celebridade, porque un, se todo vai ben, está ocupado fracasando. O fracaso é infinito porque é infinitamente divisible. Nunca se fracasa para sempre, con rotundidade, de modo que sempre hai derrotas agardando. Traballo pendente. Un fracaso apoteótico é máis que probable que se transformara nun éxito, por desgraza.


Jules Renard contaba que, se tivera talento, imitaríano; se o imitaran, poríase de moda; se se puña de moda, pronto pasaría de moda. Así que máis valía non ter talento. Pense nisto. Porque talvez vostede sexa alguén de éxito. Probablemente non. Pero quizais si. Nese caso non aceptará que o seu éxito ten un prezo. Pensa que vivir en ‘business class’ é o natural. Menos aínda aceptará que se foi convertendo vostede nun home de traxe gris, fútil, simplón, ao que todo o mundo lle sorrí. Nun aceptará que perdeu a identidade mentres adquiriu a idiosincrasia dun personaxe. Non aceptará que vostede xa non é vostede, que está desafiuzado. Ninguén con éxito acepta iso. Eu tampouco acepto que bebo desaforadamente, pero sei que alcol é unha palabra con soto.



Te puede interesar