Opinión

Pallaso

A seriedade está sobrevalorada. Pero peor que estar sobrevalorada é estar sobreexplotada. E iso tamén ocorre. Nalgún maldito momento a seriedade impregnou todo o recinto, e sen decatarnos apenas, entrou en nós a coitelo, como se fora un carniceiro galego. Foinos tomando, ao estilo de Cortázar, ata que nos expulsou, e cando isto sucedeu, o noso xesto volveuse serio, sen caer na tentación de facer preguntas. Nada máis que serio, en exclusiva. Tan serio, que se transformou nun xesto profundamente amargado, sen posibilidade de ser outra cousa menos solemne segundo a hora do día, ou o contexto, ou a compañía.


Aló a onde miremos advertiremos xente formal, circunspecta, xente estirada, disposta a botar un caldeiro de auga fría sobre o que sexa. Están en todos os sitios. Trátase, se me permiten meterme a epidemiólogo, dunha peste contemporánea chamada a sufocar os elementos interesantes que aínda conserva a especie. Afecta aos xefes e aos subordinados, aos empresarios, aos asalariados, aos ricos e aos pobres, aos intelixentes e aos estúpidos. A recua é infinita.


O resultado, loxicamente, é o desterro do humorismo. Quen, rodeado deste funeral perpetuo no que andamos, reivindicaría o valor absoluto da comedia? Talvez alguén pense que non hai mellor escenario precisamente para a comedia que o ambiente funerario, porque no tocante á morte, ese punto álxido no que o cadáver non arrefriou de todo é propicio para os grandes chistes. Oxalá. Pero a realidade é outra. Cal? O drama inextinguible. No paradigma da seriedade total, o individuo que ri ou fai rir aos outros é un proxecto malogrado. Nada máis insubstancial e baleiro que un tipo disposto a discutir a adversidade cunha barbaridade propia só de pallasos. O descrédito do humor só admite comparación co descrédito do pasado, o descrédito da verdade, ou descrédito do Centro Democrático e Social. Non o vemos, pero a persoa que ri de todo é a única que comprende en qué situación crítica estamos metidos. Temos a merda aproximadamente polo pescozo. A maioría atopa motivos para pórse serio. Eu só penso pallasadas.


E o domingo que vén falaremos dos obispos.


Te puede interesar