Opinión

Pantuflas

Que terá de malo o fracaso? Precisamente o meu forte é perder. Son un tolo das derrotas, e canto máis magníficas, ruidosas, máis tolo me volvo. Confeso que me aborrece gañar. Non me gusta e non me gusta, e non hai nada que facer ao respecto. Intenteino durante unha tempada, é dicir, intentei atopar o gusto do trunfo, como cando a miña nai intentou pola forza que me gustaran os feixóns, e o resultado foi baldío, nulo, cero. Fracaso total e marabilloso. Talvez nese intre que naufraguei estrepitosamente contra as legumes, advertín que ía pasar a vida perdendo, e así sería un home feliz.


Estou cómodo no medio de fracaso. Na derrota síntome como se andara sempre por casa. Gusto de estar en pantuflas e perder é unha sensación parecida a andar en pantuflas todo o tempo. Dende hai anos, de feito, estou buscando un traballo, e un xefe, que me permitan desenvolverme en pantuflas dentro da oficina. Quero aproveitar esta columna para inquirir ao editor sobre esa circunstancia: sería posible andar en zapatillas? E xa postos, que dificultades existirían para andar tamén en bata pola redacción? Pero as pantuflas non son o tema, acéptoo. O tema é a derrota, a caída, a calamidade coa que me agrada cargar. Ese hostión diario. Perder oportunidades, perder a ilusión, perder a dignidade, perder a memoria, perder a coherencia, perder o oremus, incluso perder cartos, é un plan semanal perfecto. O pan de cada día. Todos os días este pan, de feito.


Na filosofía contraria viven os que só queren gañar. Están encaprichados co éxito. Desgraciadamente, esta é a actitude máis común: gañar a toda costa, gañar a toda hostia, gañar a todas horas, gañar sempre, por encima de todo. Se non gañan, choran, insultan, violéntanse. Incluso experimentan impulsos suicidas. Hai algo, no contacto dos beizos coa vitoria, que remove as entrañas dos homes. Na busca dunha referencia para que o mundo se faga unha idea de canto lles gusta gañar, din que non desexan perder nin ao parchís. Curiosamente eu levo vintesete anos sen gañar unha partida. Pero feliz porque non terei vacacións.


Te puede interesar