Opinión

Peros

Hai profesións que sempre teñen un pero, unha mancha de graxa. Da igual o día, o mes, o ano. Pero, pero, pero. Falo do xornalismo. Vive nunha crise continuada, nunha noite perpetua, nunha cloaca olímpica. Hai unanimidade: pénsao o público, que ten estómago e non deixa de consumir, e creno firmemente os propios profesionais. Isto é o gravísimo: facémolo mal, sabémolo e mantemos a posición. O momento presente sempre resulta o peor, pero só ata o seguinte, que acadará unha cota máis execrable. Mañá é o tempo no que estamos máis enterrados. Pasa coma neses días de neve. Por sistema, a última nevada é a máis grande que a xente lembra en corenta anos.


Levamos toda a vida, ou incluso máis, escoitando aos propios xornalistas dicir que imos cara a fin da profesión. Porque non hai rigor. Porque non hai respecto. Porque desapareceron as liñas vermellas. Pero, pero, pero. Jules Renard sorprendíase nos seus diarios de canto talento se necesita para escribir nun xornal. E citaba dúas facultades: non esbarrar coas mondas e as cáscaras da escaleira que leva á redacción, e caerlle en graza ao bedel. Notemos o sarcasmo na nosa pel. E agora advirta vostede que, hai xa máis de cen anos, atopabamos a un colaborador asiduo dos medios detectando grandes peros no seu exercicio.


Non sei se Chesterton compartía os mesmos principios que Renard pero podemos intuír que si dende o momento que dixo, nunha expresión máxima de pedagoxía periodística, que o xornalismo consiste esencialmente en dicir Lord Jones morreu a xente que non sabía que Lord Jones estaba vivo. Escoitando a Chesterton semella fácil. Pero tamén semella que o simple agocha magníficas dificultades. Canto máis fácil, máis duro. Talvez por iso tendemos ao difícil, que, dito de paso, tampouco se nos dá precisamente ben. Non progresamos, dende que se pronunciaron estes autores, o que se entende por gran cousa. Ou si. Hoxe avanzamos na medida que a responsabilidade non se atribúe tanto aos redactores como aos directores, que segundo un apócrifo son eses que separan o grao da palla, e mandan publicar a palla. Que me perdone o meu xefe.



Te puede interesar