Opinión

Ploff

Só trinta minutos despois de que o presidente do consello de administración do Banco Metropolitano coñecera que os beneficios do último ano non ían superar o mísero quince por cento, mandou convocar unha reunión para avaliar as dimensións da catástrofe. O emprego da palabra catástrofe ofrecía a primeira pista do ambiente punzante que se ía respirar naquela reunión, e o concepto dimensións, como metáfora de cortar cabezas, probablemente a segunda.


Nin a cota de mercado, nin a cifra de clientes, nin o volume de negocio, nin as marxes de intermediación, nin a inversión crediticia, nin os ingresos por comisións, nin a venda de produtos, que en todos os casos rexistraban subidas superiores ao quince por cento pero inferiores ao trinta, axudaban precisamente a contrarrestar o pesimismo (por empregar un termo positivo) que impuña o dato paupérrimo daquel beneficio neto de merda. (Palabras textuais).


No Banco Metropolitano estaban afeitos a outra cousa. A xeración de directivos que formaban a cúpula da entidade dende había tres anos non coñecía máis balance, de feito, que aquel no que os beneficios de cada exercicio quedaran por riba do trinta por cento respecto ao anterior. Consecuentemente, uns datos que cifraban as ganancias netas en douscentos porcos millóns de dólares causaban máis carraxe que consternación. A tristeza non existía nin na linguaxe nin nas emocións do mundo financeiro.


Baixo os antecedentes triunfantes doutros exercicios, parecía lóxico que o nerviosismo se propagara polos despachos da última planta da sede central, onde se emprazaban os directivos, aos que o secretario do presidente convocou vía teléfono. Cando o presidente entrou á hora concertada na sala de reunións, a suor brotou en tódalas frontes. Mascábase a catástrofe pero tamén as dimensións. Entón o presidente dirixiuse en termos de señores aos presentes e comezou dicindo que aquilo non se podía consentir. Algo, engadiría golpeando na mesa co puño, había que facer. E nese intre o vicepresidente, que suaba a chorros, levantouse coa catástrofe moldeando a súa sombra, abriu unha fiestra e saltou ao baleiro buscando outra dimensión. A do ploff.

Te puede interesar