Opinión

Porque si

Nun país normal, cantas máis explicacións hai que dar sobre as condutas individuais, menos normalidade. Pese ás aparencias. Esta fórmula, que posúe certa estrutura gastada, funciona en cambio con relativa precisión. Trátase dun caso parecido ao da táboa de multiplicar, que máis aló dos anos que leva entre nós continúa aportando, en liñas xerais, bos resultados. Países que pasan por ser un exemplo de normalidade (qué será a normalidade) amosan unha acusada tendencia a esixir aclaracións a aqueles individuos que desexan tomar decisións que os afectan íntima, exclusivamente. Por algunha razón desexamos coñecer os detalles das vidas alleas. Mais algunhas cousas deben resultar inexplicables.


Collamos España. Parece un país normal, pese a Rouco Varela ou Pedro J. Ramírez. Tal vez normaliño. Nalgúns campos non é bo esaxerar. Agora tomemos o aborto e a eutanasia, dous feitos que afectan exclusivamente ao individuo, pero sobre cuxa xurisdición o individuo ten máis ben pouco que dicir. En ningún destes casos é posible actuar baixo o precepto que, na miña opinión, testa a normalidade dun país: o porque si. Canto máis pode un cidadán responder porque si ás preguntas sobre os seus comportamentos privados, e continuar o seu camiño, máis normalidade. Dentro dun porque si almacénase moito progreso, moita liberdade individual, moita democracia.


A tendencia a preguntar por qué, e con qué fin, e cando, é unha secuela máis da tradición católica, partidaria da confesión dos segredos e dos pecados. Progresamos, en efecto, pero nalgún momento esquecemos sacudir a caspa das ombreiras. Loxicamente, onde digo caspa quero dicir relixión. Por esa razón tomamos por normal determinadas preguntas.


Esta insistencia en pedir explicacións diante de asuntos que afectan á conciencia individual só é comparable á tendencia, xusto nos asuntos públicos, a non dar unha triste explicación. Como vostede observará, hai marxe de mellora. Todos temos algo que aportar. Se cadra, para dar exemplo, o primeiro paso podería dalo a igrexa católica anunciando a súa disolución. Adianto que tería a miña bendición.



Te puede interesar