Opinión

Previsión

Cando regresou ao seu despacho atopou un libro sobre a súa mesa. Umm. Gustáballe ter os espazos de traballo despexados, libres, e nada máis entrar e enfrontar o marco da porta, xa distinguiu no medio da mesa o libro, que destacaba coa forza dunha torta de catro pisos sobre a madeira. A muller tomou asento, desconcertada. Nese momento non máis pola presenza imprevista do libro que polo feito de que mentres ela foi ao cuarto de baño alguén se meteu ás agochadas no despacho para deixar o libro. E se ademais de deixar o libro, furgara nas súas cousas? Alí había documentos confidencias, obxectos persoais. Iso perturbouna. Quen entrara? Por que deixou alí o libro? Estudou os caixóns e os estantes e non advertiu nada estraño, nada fóra do seu sitio, e iso intensificou a súa inquietude, porque se cadra trataba con profesionais.


Recibiu unha chamada, e cando colgou, xa estaba sosegada. Logo entrou unha visita, e máis tarde acudiu a unha reunión que se prolongou máis do esperable. Ás sete volveu ao despacho e por segunda vez sentiuse impresionada pola presenza solitaria e fría do libro. Seguía alí, na mesma posición. Meteuno no bolso e abandonou o traballo. Cando saíu á rúa acendeu un cigarro e camiñou dúas mazas ata alcanzar a parada do metro.


Por fin. Cada vez que entraba no vagón, e sentaba, pensaba por fin. Rematara a xornada. Relaxada, reparou na presenza do libro. Sacouno do bolso. Tomouno entre as mans, como se calibrara o seu peso. Estudou a cuberta. Non lle soaban nin o autor nin o título. Advertiu que unha das páxinas, cara o final, estaba dobrada nunha das puntas. Abriuno xusto por aí. Había unha frecha trazada cun bolígrafo, que indicaba o comezo dun parágrafo. Leu: ‘cando a muller regresou ao seu despacho atopou un libro sobre a súa mesa. Umm’. Asustouse. Pero continuou lendo. ‘Recibiu unha chamada, e cando colgou, xa estaba sosegada. Logo entrou unha visita, e máis tarde acudiu a unha reunión que se prolongou máis do esperable’. Agora tiña medo. Pasou dúas páxinas, e soubo que cando chegase a casa a porta estaría aberta, a roupa interior no chan...


Te puede interesar