Opinión

Prezo cero

Na carreira por fidelizar clientes e gañar mercado, a inercia das rebaixas debería conducir a un escenario no que o prezo das cousas sexa cero euros. Cero arriba, cero abaixo, pero sen exceder nunca esa cifra inofensiva. E que neve. Un horizonte con estas feituras, ao gusto definitivo do consumidor, non carecería de lóxica específica. Contra o que a lóxica xeral, por suposto, poida recomendar. É evidente que se tiramos os prezos ao chan, onde todo custa cero euros, reactivaríamos o consumo nun intre no que as familias perseveran no aforro con errática obcecación. Non son un analista fiable, pero eu diría que chegou o momento feliz de travestir o mercado nun amigo. É a hora. Xusto cando os individuos están convencidos de que o sistema manobrou como un caníbal dende o día que o concibiron, a sorpresa ía ser soberbia. Cando os líderes mundiais falan da urxencia de abandonar a recesión, crear emprego, restaurar o crecemento económico, o golpe de efecto sería maiúsculo, si, pero, e que?. Dun día para o outro, todo de balde. Non queda tanto camiño por recorrer. Cando a filosofía é tres por dous, e as rebaixas acadan o 80%, que significa baixar un chanzo máis e falar de gratis total? Reflexione. Significa pouca cousa. Acaso alguén cre que un empresario non seguirá gañando aínda no caso de tirar o negocio pola ventá? Son empresarios. Xa o di a palabra: patróns, propietarios, amos. Nunca estarán nin a metade da metade da metade peor que os empregados.


Cero euros? É un pequeno paso. A competencia xa nos situou nun estadio no que unha camiseta custa menos que un café, un reloxo menos que unha entrada de teatro, un cd menos que un xornal. O paso é tan pequeno como ir da oferta ao prezo cero nun contexto macroeconómico no que o valor do diñeiro está próximo á nada. Descontos, rebaixas, liquidacións... a inercia é imparable. Xa o di a palabra: propiedade dos corpos para non modificar o seu estado de repouso ou movemento uniforme, se sobre eles non inflúen outros corpos. Deixemos, pois, que corra. Empresarios, non focen nas inercias.



Te puede interesar