Opinión

O REFUXIO DO INFELIZ

En que momento se foden as cousas? É evidente que todo chega a ese punto tremendo, ao pé do abismo, no que a expectativa do individuo sobre a boa marcha da súa vida varía e, de socato, queda desarborada pola realidade. Implosiona. Thomas Bernhard mantiña unha atractiva teoría segundo a cal as calamidades provocábaas a masa afervoada que aplaude. 'Todos os horrores ?sostiña? proveñen dos aplausos'. Non soportaba á xente que aplaudía, e persoalmente aseguraba preferir as transferencias da súa editorial. A compracencia, incluso a felicidade, é unha fonte de infelicidade. Cando as cousas marchan ben parece ser que, xustamente, é cando as complicacións arremeten. En realidade, se algo vai ben, algo vai mal. Non ten lóxica, pero ?dígame? qué valor posúe a lóxica. George Simenon expresábao dende outro terreo, cando aseguraba que se un texto tiña unha frase fermosa, era unha mala sinal. Había que recortala. A literatura non pode ser sitio nunca para unha frase benévola, resplandecente. Seguía o único consello xeral dun escritor que lle resultara útil na súa vida. Foi un consello de Colette. Simenon entregáballe relatos curtos para Le Matin, e ela devolvíallos. El intentábao unha e outra vez, ata que Colette lle dixo: 'Mira, é demasiado literario, sempre é demasiado literario'. Así que Simenon seguiu o seu consello, e se nun dos seus textos se introducía unha frase fermosa, retirábaa. Demasiado literario quería dicir adxectivos, adverbios e calquera outra palabra que estivera no texto só para producir un efecto.


Hai que fuxir da comodidade. En que medida pode estar alguén tranquilo cando a vida lle sorrí? Talvez só a desgraza que nos chega nun día radiante, as repentinas miserias, a infelicidade, en fin, sexan o único lugar onde o home pode estar tranquilo, a salvo. Henry Miller sempre defendeu que traballar incómodo era de gran axuda para a imaxinación. Por que senón el ía escribir Trópico de cáncer e os EE.UU. censurar a obra durante trinta anos, prazo despois do cal a novela ingresou no país clandestinamente coa portada de Jane Eyre, de Charlotte Brontë. Scott Fitzgerald sempre defendeu que a vida é un proceso de demolición. O perímetro vai podrecendo paulatinamente ata que do que foi un día a existencia só quedan en pé os berros... Por que ninguén se dá conta? Monterroso pasou a vida mandándonos avisos: desconfíen da tranquilidade. O lugar máis seguro para unha mosca, segundo o guatemalteco, nunca sería o cristal da fiestra, senón o matamoscas, o que nos pode levar a pensar que o mellor refuxio para o individuo é a adversidade.

Te puede interesar