Opinión

Refuxio

Hai refuxio para esta crise? Obviamente. Mentres hai morte, escribiu Lampedusa, hai esperanza. Nin cando estamos diante da fin, ou dunha imitación perfecta da fin, falta nunca unha saída de emerxencia, cando non dúas. Pensemos, asemade, que se o lugar máis seguro para unha mosca, segundo Monterroso, era o matamoscas, talvez o refuxio inexpugnable do individuo sexa o ollo do furacán, a descomposición, a derrota.


Cae o emprego, o consumo, a produtividade, a exportación, a publicidade... Todo se derruba. É a liquidación, o Plaff do 2008, pero non moito máis, porque descubrimos que a alternativa a unha realidade adversa é a televisión, os videoxogos, internet. Dende que a crise golpea incrementáronse en varios puntos estes consumos. Eis o Gran Dato. Cando o mundo non nos gusta, adquirimos outro. Por que vivir a nosa agonía, se podemos compartir o pracer e felicidade de Mira quen baila, Sen tetas non hai paraíso ou o xogo de Command and Conquer? Non temos necesidade de ficar nos dominios da desesperación cando é posible trasladarse a paraísos alleos, afastados, pero baratos senón gratuítos. Hai tempo que a ficción deixou de ser un espazo irreal. Hoxe goza da condición de escenario no que acontecen as cousas máis auténticas.


Esta capacidade para mirar na dirección contraria do afundimento, onde a nosa vida continúe sendo deliciosa, non é unha facultade calquera. Gústame lembrar o caso de Catalina A Grande. Esta muller ía asentar en palacio un golpe sanguinario para facerse co poder imperial, pero foi capaz de dirixirse á súa doncela, e comentar antes de que arrancara a matanza: ‘Hoxe apodérome de Rusia. Que roupa visto?’.


Non hai por que permanecer nunha realidade que nos resulta adversa, que nos aperta, ou simplemente nos cae gorda, se podemos acender a televisión ou a consola ou entrar en internet e plantarnos nun mundo idílico. A realidade, de feito, deu paso ás realidades. Se unha non gusta, hai outras. Vivir na ficción é xa unha opción accesible, barata, de forma que se pode dicir que padece a crise só aquel que desexa sentirse atrapado nesa marea.



Te puede interesar