Opinión

Repetición

Todo volve. Algunhas cousas volven continuamente. E só por enredar. Pasan unha vez, pasan outra, e ocorren de novo. Así todo o tempo. Ademais pasan e pasan polo mesmo lugar sen modificacións. Nunca varían. Aí está o G-8. Unhas veces está aí, outras aquí, outras acolá. Depende. Xaponeses, americanos, canadenses, rusos, italianos, ingleses e franceses cítanse para un día pola mañá. Madrugan. Comeza a reunión. Fóra hai xente manifestándose e chamándolle non sei qué. Pero eles están ao seu. Non se inmutan. Estas reunións para acabar coa fame en África, coa sida en África, coa malaria en África ou coa tuberculose en África, non serven tanto para acabar con esas pragas como para acabar con África. Pasa como naquela frase de Echenique: domina o xogo Perú, controla Perú, ataca Perú... gol de Chile. Insatisfeitas as expectativas que espertan todas as reunións do G-8 para falar de África, conforta cando menos que os líderes mundiais cenen ben. Fundiron dezanove pratos. Gústame a xente de bo fociño.


Non menos retornable que as reunións do G-8 para non cumprir ningún dos seus obxectivos, é a unanimidade das forzas políticas españolas no intre de proclamar a necesidade de reformar o Senado. Unha vez ao ano cítanse os grupos nos cursos do Escorial, din que están de acordo en reformar a Cámara Alta, e despídense ata o ano seguinte. Pero o Senado continúa cos mesmos pelos. Matemático. Tal vez só sexa pereza. Eu, cando chega o verán, digo que lle teño que dar unha man de pintura ás cancelas da casa. Por fortuna, aos poucos días o clima estrágase, e loxicamente, baixo a ameaza da choiva pintar resulta unha perda de tempo.


Non sei que motivo atopan os parlamentarios deste país para non facer algo que, cando acoden ao Escorial, coinciden na necesidade de facer axiña. O feito é que non o fan. Non me importa. Por min como se fechan o Senado, ou como se rebenta. Agora ben, sería bo que o debate non regrese periodicamente en balde. Porque dá risa e simultaneamente asco. E porque algunhas persoas temos moitas cousas que facer. Eu, de entrada, pintar unhas cancelas.



Te puede interesar