Opinión

Reprimido

Non escoitei a ninguén falar aínda da conexión vermella entre o estado de embriaguez do ministro de economía xaponés durante a celebración do G-7, a misteriosa colisión entre dous submarinos nucleares, un inglés e outro francés, na metade do Atlántico, e a política de rebaixas totais de El Corte Inglés. Por que? Estamos de socato cegos? Eu, francamente, quixera pensar que non existe esa conexión, pero non podo. Móvome pola realidade cos ollos abertos. Non menos evidente me resulta (e sospeitoso outra vez o silencio ao respecto) a sombra que atravesa a fuxida de dous presos perigosos en Francia, que despois de evadirse con explosivos e secuestrar a varias persoas, acabaron detidos pasadas 36 horas, coa declaración autoinculpatoria de Kaing Guek Eav, xefe do cárcere no que foron asasinos 16.000 persoas durante o réxime de terror de Pol Pot, e aquel verso de Rimbaud: Vivo sentado, como un anxo nas mans dun barbeiro. Tampouco neste caso detecta vostede a conexión? Ou non quere detectala?


Fale, pronúnciese, diga algo. Non ve un fío sospeitoso entre asuntos en aparencia afastados? Falareille dun caso máis. Pídolle, por favor, máxima atención. Faga, na medida que poida, un exercicio de abstracción para ver máis aló do evidente: estreo da cuarta tempada de Muchachada Nui; destitución de Sergio Kresic como adestrador do Numancia; morte de Carolyn George, bailarina e coreógrafa estadounidense; dous por un en Viaxes Halcón e dimisión de Walter Veltroni. Non descubre a conexión subterránea que ata estes feitos? Pero, será posible? Non sei que facer. Porque dificilmente pode estar máis claro. A maioría da xente, dicía Georg Groddeck, non ve mal por un defecto da vista, senón por reprimir o que xa viu. Ver é reprimir. Non obstante, vou ter moita paciencia. Poreille un deses casos que se estudan nas galescolas: os erros na facturación da compañía eléctrica; a folga de xuíces; a desaparición de Allen Stanford despois de destaparse un fraude de 8.000 millóns de dólares; o regreso de María Teresa Campos, e o 0-3 do Deportivo na Uefa. Ve algo estraño agora? Está claro que vostede non distingue unha boa trama nin estando metido dentro dela.



Te puede interesar