Opinión

Ser un coche

A crise da industria do automóbil adquiriu xa a condición de enfermidade humana. É posible, acaso, que o noso vehículo sufra unha avaría e non se traslade parte dese deterioro á nosa alma? Quen non padece cando racha a bomba da gasolina, ou a correa da distribución, ou un rodamento? Na mesma medida, pois, que o coche e o sector do coche penan, sufrimos unha depreciación severa os humanos. Somos unha civilización automobilística. O coche incorporouse á identidade, ao contexto familiar, íntimo, foi gañando espazo, dereitos, incluso privilexios. Podemos vivir sen auto? Umm. Talvez. Se podemos vivir sen avós, cando morren, ou sen pais, cando marchamos de casa, e nun momento dado tamén falecen, non digo eu que non poidamos sobrevivir sen vehículo. Pero o movemento natural tende á dependencia. O día, de feito, que quedamos sen coche porque fallou, ou porque nos accidentamos, mercamos outro. Cada vez máis vivimos e morremos no automóbil. Por esta razón cando a súa industria fica paralizada, sen produción, a humanidade solicita un médico. Axiña.


Hai vehículos que serven para referirse a un momento da nosa vida do mesmo xeito que hai cancións, parellas, que identifican cada etapa. Aquel Seat 127. Aquela licenciada en empresas. O Renault 9 GTS. Os Hombres G. Aquel Ford Escort XR3. Cando o 3 de xaneiro de 1899 por primeira vez, nun editorial do The New York Times, se viu escrita a palabra automóbil todo comezou a cambiar. O coche representa xa o que o ser humano foi capaz de acadar en cen anos. Meteuse no noso xeito de explicar, entender, habitar a realidade. A realidade mesma, o espazo, o tempo, foron transformados. Sometidos. A intromisión do coche obrigou ao individuo a repensar os seus gastos; aos arquitectos a acondicionar as vivendas e os edificios, e incluso a inventar os parkings; aos urbanistas a revisar a estrutura das cidades, as conexións, os movementos grupais. Eses grandes valores que irradia un vehículo, é dicir, a velocidade e deseño, son os valores que se incorporaron á humanidade, e mellor a definen. Hoxe vivimos velozmente e sometidos á imaxe. Por certo, vendo un Megane do 2001. Noviño.



Te puede interesar