Opinión

Soborno

Nove meses e dúas semanas despois de acceder ao cargo, o director xeral puxo os pés enriba da mesa. Taackk! Primeiro apoiou os dous tacóns e logo descansou a perna dereita sobre a esquerda. Hai xestos que, ademais de ser un movemento no espazo e no tempo, son unha doutrina, un credo, en fin, unha idea práctica da vida. Un daguerrotipo. A manobra de sentar, erguer as pernas e apoiar os tacóns dos zapatos sobre a mesa de traballo como se fora máis un mapamundi ca un simple punto de repouso, describía mellor que calquera discurso ou vestimenta o cambio experimentado en nove meses polo director xeral. Rodeado dun persoal de gabinete que planificaba a imaxe e as intervencións públicas do político con meses de antelación e someténdose ao principio de que en política está prohibido improvisar, aquel xesto manou espontaneamente. Era natural. Profundo. Un produto da casa. Cosido a man.


Aquel director xeral, quen de pousar os pés enriba da mesa diante dos membros de departamento, non personificaba á dinastía dos políticos próximos, naturais, obsequiosos, capaces de executar xestos familiares en escenarios profesionais. El procedía doutra cepa, a dos chamados a triunfar a toda costa e a enraizar na posteridade.


O día que ergueu os pés con aquela desenvoltura quedou claro que se modificara fatalmente o seu punto de vista sobre as cousas. Aprendera rápido. Menos dun ano despois do seu ascenso á dirección xeral estaba preparado, de feito, para enfrontar a pregunta vital que pende antes ou despois sobre todo político. E se me beneficio da miña posición privilexiada, que? As solas dos zapatos, ben acomodadas, miraron aos membros do gabinete friamente, poñendo a proba a lealdade de cada un. Non pasou desapercibida aquela ollada. Postos alí enriba, os pés falaban polo xefe. Había na súa linguaxe unha gramática xenuína. Todos entenderon qué quería expresar tanta destreza e desenfado sobre a mesa, e a partir de entón, empresarios que non se atrevían a pedir audiencia, chamaban, solicitaban unha cita, e entraban no despacho agarrando un maletín en cada man.


Te puede interesar