Opinión

Sorber

Serafín declárase culpable. Ollo. Culpable, advírtelle á xuíz, pero con matizacións, por favor. Non é culpable de todo, ao cen por cen. Antes de que todo se enredara mediou unha clara provocación por parte do seu sogro que explica moitas cousas. El non é dos que reaccionan a capricho. Nist nist. Fustrigárono e quentouse. Non tiña pensado, pero... Hai cousas que non se planean e pasan. Buscárono, como se acostuma a dicir, e encontrárono. Recoñece que ten un rauto bonito. As cousas, segundo el recorda, sucederon máis ou menos así: era domingo e a súa muller propuxo pasar o día na casa dos seus pais. Serafín no quería discutir e dixo que si. Dixo que si, repite, por contentala, porque se ten que ser sincero, os pais de Esmeralda non son santos da súa devoción. Chegaron ás 11,45 horas.


Don Francisco estaba no xardín, lendo o xornal, tombado nunha hamaca e bebendo un vermú. Empezaron mal porque entrou Serafín, saudou e ninguén lle ofreceu nin un vermú nin unha cervexa. Nin un viño branco. Subliña o do viño branco pois resulta que Don Francisco era viticultor. Afortunadamente, antes de entrar en casa mercara o seu propio xornal. Así que cando viu que a cousa non estaba para bromas, púxose a ler. Ás 14,15 horas Dona Xenoveva avisou de que a comida estaba lista. Serafín sentou enfronte de Don Francisco e Esmeralda enfronte da súa nai. Aí comezou todo. No primeiro prato. Había sopa de polo e Don Francisco non sabe comela senón é sorbendo. Non sorbía de calquera maneira, matizou Serafín diante da xuíz. Sorbía como unha aspiradora. Ffffftt. Cada cullerada era un espectáculo. Ffffftt.


A Serafín retorcíanselle os nervios con aquelas succións estrepitosas. Fffftt. Que noxo. Descompúñase. Preguntoulle á xuíz se algunha vez vira a película Un día de furia. Porque a el pasoulle o mesmo. Perdeu o control e toleou. Por se fora pouco, o sogro pediu que lle puxeran outro prato de sopa. Seica estaba espléndida. E de novo a sorber. Ffft. O segundo prato foi a guinda. Había espaguetes e repetiuse a partitura. Fffft. Fffft. Fffft. Aquilo era insufrible. Ffffft. Serafín non aguantou máis e colleu un coitelo. Acabáronse os sorbos naquela mesa.



Te puede interesar