Opinión

¿Sucedeu?

O pasado, é real? Faulkner sostiña que o pasado é unha condición fluída que non ten existencia, o que houbo non existe, o pasado non pasou. Non sei se o escritor norteamericano está no certo, pero resulta evidente que o pasado deixou de ser o que era. Modificouse a súa natureza. Pasamos de algo que quedaba atrás, a algo que está por dilucidarse dun momento a outro. Sei que estraña, pero é relativamente así. O pasado, por dicilo de calquera maneira, cambiou de sitio. Sentou noutra cadeira. Moveuse. Viaxou. De socato agardamos que suceda no intre menos pensado, cando o común era mirar cara atrás e analizalo en detalle aproveitando que non se ía desprazar. No día de hoxe, non fica quieto, camiña, auséntase. E, sobre todo, non se exhibe ata o instante no que ocorra.


Neste país hai persoas que teñen idea de que existiu unha guerra civil. Non é máis que unha suposición, porque hai trinta anos talvez tivo lugar algo que se denominaría Transición, que consistiu en organizar un enterramento e botar terra sobre a memoria dos pasados setenta anos. Vostede diría que aquel pasado, pasou? Persoalmente, non teño unha opinión clara. Hai unha forza oculta, corpulenta, que nos arrastra cara adiante. Négase a que xiremos a cabeza cara o pasado na busca da memoria. Non hai nada, din, sobre o que volver. Houbo xa unha inhumación. Nada hai que falar. O pasado pasou, é máis, o pasado non pasou. Nalgún senso son faulknerianos. Talvez, diante da insistencia dalgunhas persoas por saber, reciten mal aquel verso de Juan Gelman, que dicía ‘por que tan vivo está o que non foi?’.


Digamos que o pasado está máis adiante ca nós. Basta tomar o caso de Milan Kundera. Un documento de procedencia escura, vincúlao cunha delación na súa xuventude, de forma que o escritor húngaro atópase, cincuenta anos despois, cunha parte do seu pasado á que non coñecía en persoa. Un non sabe como é a súa cara cando se mira ao espello, dixo Borges. Lido agora, hai tamén algo profético naquel verso no que Ángel González escribe que ‘un home nunca sabe que pasado lle espera’.



Te puede interesar