Opinión

Vacas

Cando as palabras se borran da linguaxe, e caen das bocas, e fican debaixo dos zapatos, procede regresar ás vellas metáforas. Nunca fallan. Hoxe cómpre falar, por exemplo, de vacas fracas. Está de acordo? Tal vez non exista unha crise propiamente, pois semella que o substantivo que designa en concreto fica desaparecido. Pero existen as vacas. Iso non se oculta. Qué sería de nós sen este animal? Poñamos, pois, que estamos lonxe da crise, pero en cambio permanecemos nas vacas fracas. Son realidades completamente distintas pero equivalentes. Vacas fracas e crise: nada máis antagónico ao tempo que homólogo.


Vostede observará que baixo este escenario escuálido reitérase a imaxe dalgúns individuos, ou asociacións de individuos, tratando de canear a situación a base de patadas. Berros. Folgas. Malos modos. Hostias. Cousa natural. A min tampouco me gustan as lentellas. Nas vacas gordas, que é a modalidade metafórica contraria, eses individuos que agora patexan, actúan como tipos razoablemente radiantes. Por algunha razón, a xente síntese cómoda multiplicando beneficios. Hai algo no feito de ampliar a marxe das ganancias por riba dos límites coñecidos, que neutraliza o mal carácter que emerxe nas vacas fracas.


Non pregunte. O feito é que se tende a crer que o natural é abrir a caixa rexistradora tres veces ao día para facer outros tantos recontos e, a continuación, ingresos. Canto máis se prolongan os días das vacas gordas menos se quita esa idea da cabeza. A idea de que engordar é san. Pero non. O común é outra cousa. Non para todos, claro. Aqueles que están convencidos de que hai que facerse ricos todos os días, sábados incluídos, sobre o ricos que xa foron o día anterior, cando chegan as vacas fracas esixen recompensas. Acostumados a gañar, e sobre todo habituados a non repartir as ganancias, agora queren que alguén se faga cargo do baleiro que experimentan no estómago. Son os máis interesados en aplicar a palabra crise á metáfora das vacas. Non contentos con protestar, e pedir que alguén resolva por eles o desasosego que causa o oco da gula, dan patadas. Patadas a quen? Aos can fracos, alma de deus, aos cans fracos.



Te puede interesar